Senado

BNG defende mellorar o sistema de protección das mulleres en situación de violencia machista

Carme da Silva
Carme da Silva

Ante a última vaga de feminicidios que se produciron no Estado, Carme da Silva solicita a comparecencia da Ministra de Igualdade no Senado e actualizar o Pacto de Estado

Incrementar os investimentos, reforzar os servizos e impulsar os cambios necesarios no sistema VioXen para mellorar a súa eficacia e eficiencia: entre as medidas do BNG

O Bloque Nacionalista Galego propón mellorar o sistema de protección das mulleres vítimas de violencia machista a través de iniciativas nas Cortes do Estado solicitando o compromiso e o apoio do Goberno para impulsar as modificacións necesarias do sistema VioXen para mellorar o seu grao de eficiencia e eficacia, así como aumentar os fondos destinados a tal fin e reforzar os servizos de protección e vixilancia. Ante os últimos casos de feminicidios, a senadora do BNG, Carme da Silva, solicita a comparecencia da Ministra de Igualdade para que expliquen os aspectos que están a fallar no sistema e traballar conxuntamente para melloralo.

Os cinco novos casos de feminicidio no Estado español nesta última fin de semana “son un exemplo das carencias que está a ter o sistema de protección das mulleres en situación de violencia machista”, xa que, dúas delas estaban inseridas no programa de protección de mulleres en situación de violencia machista. Menos de corenta e oito horas que amosan as carencias do sistema e a necesidade de seguir avanzando na loita contra a violencia machista.

“É preciso reiterar os compromisos e incrementar os recursos económicos e os medios para blindar a loita contra a violencia contra as mulleres” afirma a senadora do BNG, Carme da Silva. Así mesmo, rexistra iniciativas para demandar o impulso e actualización do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero.

Comparecencia de Igualdade: “é urxente e necesario mellorar o sistema”

En opinión da senadora do BNG, “é urxente e necesario que o comité de crise -formado polo Ministerio de Interior e o de Igualdade- se convoque novamente” após contabilizar cinco novos casos de violencia machista e analizar as deficiencias do actual sistema VioXen. “O actual sistema non está a funcionar. É evidente que, ademais da reunión do comité de crise, é necesario que compareza Ana Redondo en sede parlamentaria e informen sobre as conclusións da reunión, así como dos fallos e deficiencias detectados” subliña Carme da Silva.

“Cinco mulleres asasinadas nunha fin de semana debe poñernos a toda a sociedade en alerta e debemos contribuír na loita contra a violencia machista, modificando todos os aspectos do sistema que non están a funcionar, actualizando os protocolos e pondo máis recursos” avanza a senadora nacionalista mentres sinala o compromiso do BNG para con esta loita.

A debate na cámara alta para conseguir o compromiso do Goberno

Por outra parte, a organización nacionalista rexistra para o seu debate unha moción instando o Goberno a mellorar o sistema de protección das mulleres en situación machista mediante a adopción de novas medidas. En primeiro lugar, xeneralizar a elaboración de Informes forenses de valoración de risco complementarios aos policiais, así como unha revisión do actual sistema VioXen para mellorar o seu grao de eficiencia e eficacia.

“Hai que destinar máis fondos estatais para incrementar e reforzar os servizos do IMELGA, ademais de impulsar medidas de protección específicas para as vítimas que sexan menores. Do mesmo xeito, cabe a necesidade de impulsar as mudanzas necesarias para estender os mecanismos de xeolocalización do agresor a partir daqueles casos con valoración de risco medio” enumera a senadora do BNG.

No ámbito das competencias do Goberno do Estado, Carme da Silva evidencia a necesidade de fomentar a despatriarcalización da xustiza, aumentando a formación e os recursos necesarios, sobre todo entre os e as axentes que interveñen na cadea de resposta, así como garantir espazos habilitados seguros e adecuados nos xulgados, etc.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG