DELEGACION XEITO BRUXELAS. PROGRAMA
A Comisión Europea propón prohibir todo tipo de redes a deriva a partir de xaneiro de 2015, unha medida que ameaza coa desaparición a 427 embarcacións do xeito, unha arte de pesca artesanal sen impacto ambiental na pesquería e que, polo tanto, debe ser excluída desa normativa.
Para defender esta posición, o BNG leva a Bruxelas unha ampla delegación de representantes do sector do xeito co obxectivo de que expoñan directamente a súa problemática ante as autoridades comunitarias, con encontros ao máximo nivel tanto na Eurocámara como na Comisión Europea que se celebrarán entre os días 3 e 4 de decembro.
A delegación, que encabeza a portavoz nacionalista no Parlamento europeo e secretaria de Política Internacional, Ana Miranda, está integrada polos patróns maiores das confrarías de Rianxo, Redondela, Cangas e A Pobra, xeiteiros de Rianxo, Cambados, A Illa, Moaña e Redondela, polo alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, e polo portavoz parlamentario de Pesca do BNG, Daniel Rodas.
A proposta normativa impulsada pola Comisión Europea está a ser debatida na Eurocámara, en concreto na Comisión de Pesca e na Comisión de Medio Ambiente, polo que a delegación manterá encontros cos máximos responsables de ambas comisións.
O sector do xeito terá a oportunidade de expor os seus argumentos ante o presidente da Comisión de Pesca, Alain Cadec, e aos eurodeputados relatores dos informes sobre as redes a deriva tanto na Comisión de Pesca, Renata Briano, como da Comisión de Medio Ambiente, Marco Affronte. En relación ao executivo da UE, a delegación manterá un encontro co director xeral, Humbert Gambs, e co xefe de unidade de conservación e control de pesca, Fabrizio Donatella.