O BNG ten un proxecto claro para Galiza porque necesita unha alternativa ao PP que se vertebre en clave de país e en clave de defensa dos seus intereses fronte a calquera estratexia dunha forza política estatal. Todos aqueles que compartan estes criterios teñen a nosa man tendida, tivérona sempre e terana no futuro.
O portavoz nacional, Xavier Vence, respondía así ás pregunta dos medios de comunicación sobre as declaracións do responsable de Anova, Martiño Noriega, nas que recriminaba ao BNG non prestarse a alianzas electorais con forzas políticas estatais.
Vence reiterou que a posición do Bloque pasa, efectivamente, por sumar forzas para erguer un proxecto político nacionalista de esquerdas que ofrecer á cidadanía para derrotar ao PP, sen pensar en componendas internas, nin externas senón con propostas para sacar o país adiante e defendelo fronte as políticas que nos agreden desde Madrid e desde Bruxelas.
O dirixente nacionalista asegurou que non tiña intención de meterse non asuntos internos de ningunha organización, pero si recomendou a Noriega que evite dar leccións de unidade ao BNG e comence por ser capaz de integrar na súa propia casa.
Integrar diferentes forzas políticas require demostrar capacidade para xerar consensos e integración, e iso empeza pola propia casa, sinalou Vence. Tiña que ser capaz de non vetar a aquela parte da súa organización que quedou excluída dos órganos de dirección dando mostras dun espírito bastante pouco integrador.
Vence insistiu que a clave para conformar alianzas está no proxecto que se lle ofrece ao país, e só a quen non ten proxecto calquera tipo de alianza pode valerlle, aquí unha cousa, alí outra, un día unha cousa e outro día outra. Sen proxecto non hai futuro, non hai elementos nin pegamento que una ás persoas, nin aos grupos, nin as correntes dunha organización, concluíu.