O portavoz nacional, Xavier Vence, mantivo un encontro coa directiva da Asociación Galega de Empresa Familiar á que expuxo a proposta do BNG dunha banca pública galega materializada a través da creación do Instituto Galego de Crédito, como mecanismo necesario para garantir o financiamento dese tipo de empresas fundamentais na base económica do país.
No encontro participaron Emilio Pérez Nieto, presidente da asociación do Grupo Pérez Rumbao, Roberto Tojeiro, presidente do Grupo Tojeiro, Roberto Díaz-Ricón, presidente do Grupo Invertaresa, Luis Fernández Somoza, presidente de Inversiones Subel, Blanca García Montenegro, presidenta do grupo de comunicación El Progreso, Jesús Alonso, presidente de Jealsa, Carlos González, presidente Grupo Nogar, Jose Maria Froiz, presidente Distribucciones Froiz, Joaquín Pérez Bellido, presidente de Inturasa, Julio Iglesias, presidente Grupo Revi.
As empresas integradas nesta asociación, -moitas entres as máis importantes de Galiza por implantación, volume de negocio e postos de traballo-, dan emprego directo a 45.000 persoas.
Empresas galegas que invisten fundamentalmente neste país e cuxa actividade é netamente produtiva no sector industrial e comercial, subliña Vence, quen tamén valorou a súa capacidade para resistir a competencia foránea dentro do mercado galego e para competir noutros mercados.
Durante o encontro, ademais da cuestión de acceso a crédito e da necesidade de ter unha banca de proximidade, tamén se abordou a cuestión da fiscalidade, en particular o imposto de sucesións e, neste sentido, Vence considera que se debe ter en conta no trato fiscal as particularidades deste tipo de empresa familiar e a súa continuidade dunha xeración a outra.
O portavoz nacional tamén explicou a proposta do Bloque de simplificación dos niveis administrativos pola vía de suprimir deputación provinciais, delegacións do Goberno central e administración periférica en xeral, cuxas funcións irrelevantes nalgúns casos e facilmente asumibles pola Administración local e autonómica, noutros. Ademais, implicaría un aforro substancial para o contribuínte, argumentou.
Vence transmitiu ao empresariado galego o apoio do BNG para consolidar un tecido produtivo e empresarial autóctono que compita dentro e fora do país.