O portavoz nacional, Xavier Vence, reclamou en nome do BNG unha investigación a fondo dos actos violentos ocorridos en Madrid que revelan un problema estrutural de violencia latente no fútbol con equipos que contan con grupos violentos, como é o caso do Frente Atlético, unha peña declarada nazi e fascista, promovida, amparada e que recibe parabéns dos directivos do seu club.
Vence, -que trasladou as condolencias do BNG á familia do deportivista asasinado-, considera que esa violencia consentida está intimamente relacionada coa corrupción económica do fútbol profesional que se manifesta na xestión irresponsable dos recursos e que promove un tipo de aficionado radical que nada ten a ver co deporte. A día de hoxe, dixo, hai unha política deportiva que é necesario mudar.
No caso concreto da batalla campal en Madrid, o dirixente nacionalista se pregunta polo papel das forzas de seguridade. Como puido a policía permitir que grupos armados circulasen por pleno centro de Madrid, nos arredores do estadio portando simboloxía nazi e que non actuase?, de aí a petición do BNG de comparecencia inmediata do ministro do Interior no Congreso porque ten moitas explicacións que dar.
Man dura coa protesta social, lasitude coas bandas nazis
O portavoz nacional cuestionou a lasitude na actuación da policía e cualificou de sangrante o contraste do Ministerio do Interior que aplica unha represión terrible na persecución das protestas sociais contra as políticas de recorte do PP, - como é o caso dos estafados polas preferentes, nos desafiuzados-, perseguidos con multas e acusacións ante os xulgados en moitos casos en base a atestados policiais falsificados, fronte a lasitude con estas bandas fascistas que se moven en diferentes partes do Estado, algunhas arredor do fútbol.
Unha dobre vara de medir que o Ministerio de Interior debe explicar no Congreso, tanto polos sucesos de Madrid como para dar conta da súa política ante estes grupos fascistas.
Ex militante de Fuerza Nueva
O Bloque tamén considera incomprensible que a Liga de Fútbol Profesional (LFP) permitise a celebración do partido tras uns feitos de violencia extrema. Que valores deportivos e humanos representa que non suspende un partido tras un asasinato. Supoño que terá moito que ver co feito de que está presidida por ex militante de Fuerza Nueva, recalcou.
Vence considera que o primeiro paso é tolerancia cero con estes grupos violentos e armados que non poden ter amparo dos equipos e dos seus directivos. Todos os grupos violentos sen excepción, concluíu, deben ser postos fora de circulación e non poden estar ligados ao deporte.