O BNG admite publicamente que Ana Miranda non existe, que non é máis que unha invención da formación nacionalista coa intención de rendibilizar esta ficción con fins electoralistas e coarse nos informativos dos medios públicos galegos.
O Bloque vese forzado a admitir este engano á cidadanía despois de que UPyD presentase este 9 de maio un recurso contra o plan de Cobertura da CRTVG aprobado esta semana polo Consello de Administración do ente público, que concede 27 segundos ao seguimento da ficticia candidata do BNG, Ana Miranda, en cada informativo.
UPyD solicita no recurso ante a Xunta Electoral Provincial da Coruña que o Bloque sexa totalmente excluído da información electoral durante a campaña na RTVG, alegando que nos comicios de 2009 non obtivo representación, e que ese tempo pase a ser asignado a formación de Rosa Díez, política de amplo recoñecemento en Galiza pola súa redifinición do término galego en el sentido más peyorativo del término. (https://www.youtube.com/watch?v=HPgWFmnxDHk).
No seu recurso, solicita que se elabore un novo plan de cobertura informativa "con exclusión del BNG, en tanto como se ha dejado señalado no tiene en este proceso la consideración de fuerza parlamentaria", explican no texto.
O BNG, pese a presentar un escrito de alegacións ao recurso de UPyD, comunica á cidadanía que Ana Miranda, cabeza de lista ás europeas do 25M, é unha creación ficticia desta organización, un produto de mercado na procura dun rostro en que poder simbolizar as aspiracións do nacionalismo galego.
Ana Miranda nunca estivo no Parlamento europeo en representación do BNG. Os centos de documentos, fotografías, vídeos, escritos que mostran a súa presenza na Eurocámara entre xaneiro de 2012 e xuño de 2013 son o resultado dunha manipulación masiva, -da que achegamos algún exemplo-, posible grazas ás novas tecnoloxías. Finalmente, o Bloque lembra que a candidata pantasma recibiu 103.724 votos na Galiza en 2009, lugar onde UPyD recibiu 14.148.