Tereixa Paz suxire a Elena Muñoz viaxar a Madrid cos emigrantes retornados a falar con Montoro

A deputada lamentou que a Xunta sega amparándose na “falta de competencias”

A deputada do BNG, Tereixa Paz en debate parlamentario

 Pleno.-A deputada do BNG, Tereixa Paz lamentou a resposta da conselleira de Facenda por constatar que non existe ningún avance para resolver a situación dos emigrantes retornados requiridos pola Axencia Tributaria e sancionados por non regularizar as pensións do estranxeiro.

Tereixa paz lembrou que no mes de setembro foi aprobado por “unanimidade” na Cámara galega un acordo para instar ao Goberno do Estado a realizar unha campaña dirixida a informar das obrigas tributarias d@s emigrantes retornados, unha revisión das sancións ás que foron sometidas estas persoas e a ampliación de prazos para saldar as débedas contra os 10 días que esixía Facenda. Dende entón, dixo, non se produciu ningunha novidade, agás a “relación epistolar” da conselleira Elena Muñoz coa Axencia Tributaria e o ministro Montoro.

Pola súa parte, a titular de Facenda asegurou que a resolución da situación xerada cos emigrantes retornados “non é competencia da Xunta” polo que dende o Goberno galego limitouse a dar traslado ao acordo parlamentario á Axenda Tributaria e ao ministro de Facenda para que emprenderan as accións necesarias e o ministro Montoro “está a valorar os aprazamentos das sancións”.

Tras a resposta da conselleira, a deputada cualificou de “pintoresco” que a Xunta teña a previsión de reunirse cos afectados para ser informada da situación cando en realidade debería ser ao contrario, nós sempre pensamos, dixo, que a preocupación debe ser da institución e xa levamos moitos meses coa mesma “ladaíña” da falta de competencias.

Paz lamentou non poder ofrecer ningunha novidade a miles de persoas afectadas por un problema que descoñecían e que deberán facer agora un desembolso moi cuantioso ao que en moitos casos non poden facer fronte polo que suxeriu que a propia conselleira viaxe co colectivo afectado a Madrid para reunirse con Montoro e resolver a situación “dunha vez por todas”.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG