A parlamentaria formulou unha pregunta sobre o convenio marco para traballadores e o posíbel rescate das concesións
A deputada do BNG, Tereixa Paz formulou hoxe unha pregunta en de comisión sobre as xestión realizadas polo Goberno para mediar no conflito laboral da empresa Natutecnia adxudicataria de varios parques comarcais de bombeiros e o posíbel rescate das concesións.
A nacionalista, que cuestionou a externalización dos servizos de emerxencias recomendou á Xunta velar polas condicións e características do servizo das diferentes empresas concesionarias porque, explicou, levamos moitos meses asistindo a unha grande conflitividade nos parques de bombeiros pola cobiza das empresas por rendabilizar ao máximo os beneficios en detrimento da seguridade da cidadanía e dos dereitos laborais dos e das traballadores/as.
Neste sentido, reclamou a formalización do convenio marco e solventar os problemas derivados da falta de material de rescate e non reposición de vehículos.
Tereixa Paz pide igualdade de condicións para todos os parques de bombeiros
A nacionalista lembrou que o colectivo de traballadores/as reivindicaban un convenio marco con regulación básica sobre as remuneracións, perigosidade, baixas laborais, horarios e quendas de traballos, ou formación en igualdade de condicións para todos os parques.
Pola súa parte, o director de Emerxencias, Santiago Villanueva asegurou que a Administración é coñecedora das negociacións entre as partes que xa chegaron a un primeiro acordo de convenio colectivo así como sobre as circunstancias que provocaron os despedimentos de dous traballadores por neglixencias.
A deputada negou as razóns descritas polo responsábel de Emerxencias sobre os despedimentos e afirmou que a propia empresa recoñeceu que estaban relacionados coas mobilizacións e reivindicacións dos traballadores sobre o convenio colectivo, vostedes dende a Xunta, dixo, sempre negan a privatización e os problemas nos servizos pero se estes seguen funcionando, recalcou é grazas aos traballadores, mesmo a pesar das deficiencias e falta de material, como quedou demostrado no incendio do Santuario da Barca en Muxía.