Tereixa Paz bota man do ditame do Consello da Cultura e pide parar as obras do Castelo de Monterrei

A parlamentaria lembrou que a entidade cultural cuestiona a idoneidade das obras que transformarán a Acrópole e Castelo de Monterrei en complexo hoteleiro

Tereixa Paz en Comisión

O BNG volve a levar ao Parlamento, a través dunha Proposición non de lei defendida pola deputada, Tereixa Paz, o proxecto do Goberno galego para converter o Castelo de Monterrei en Hotel Parador de catro estrelas.

A parlamentaria incidiu nas demandas da Plataforma de Defensa do Castelo, do BNG e colectivos da comarca contra o destino que a Xunta pretende para este ben patrimonial ao que sumou as recomendacións do Valedor do Pobo e ditame do Consello da Cultura galega.

Agora, dixo, pronunciase tamén o Consello da Cultura Galega cun informe elaborado por numerosos expertos en patrimonio, historia, antropoloxía e arquitectura concluíndo que o proxecto debe “ser revisado” e recomenda facer un plan de viabilidade do actual parador, situado a menos de 400 metros do Castelo, así como redactar un Plan Director do Castelo que priorice o seu papel dinamizador da comarca, incentivo turístico cultural e complementario do espazo hostaleiro.

A deputada tamén aludiu ao Informe do Valedor do Pobo que incide, entre outras cuestións na pregunta sobre os beneficios previstos pola Axencia de Turismo e nun proxecto hostaleiro que non vai dinamizar a comarca e privatizará un ben patrimonial.

A nacionalista tildou de “irresponsábel” o Goberno galego por recibir un ben patrimonial, facer un hotel con cartos públicos galegos para devolverllo despois ao Estado, “menudo negocio fan vostedes”, sentenciou.

Paz volveu pedir ao Goberno que atendera as recomendacións dos órganos estatutarios galegos para delimitar a protección e preservación do castelo, en troques de regalarllo a “empresa privadas”.

Tereixa Paz

Pola súa parte, o portavoz do Partido popular, Moises Blanco Paradelo cualificou de “barbaridades” os argumentos da oposición e criticou que se só se fagan eco das Plataformas e colectivos contrarios ao proxecto da Xunta. “Nós respectamos aos técnicos e as corporacións de Monterrei e Verín que apoian”, a proposta. A rehabilitación é unha demanda e as obras rematarán en febreiro do 2015. O Parador de catro estrelas será “unha referencia internacional” e o proxecto mantén o máximo respecto aos edificios en colaboración “público-privada” co Estado e Paradores.

Malversación de fondos públicos galegos para devolver un ben que o Estado privatizará

Ante as criticas de Blanco Paradelo ao goberno Bipartito, a deputada puntualizou que naquel momento a reclamación pasaba porque o Castelo fose propiedade da Xunta e elaborar un Plan Director que o destinaría a centro de “ divulgación, innovación e promoción da moda, o viño e augas medicinais da comarca”. Tamén contemplabamos, dixo, a restauracións e musealización dos edificios e arquivos da fronteira e pobos próximos. “Iso, recalcou, era a intención do Bipartito”.

Como vostede pronunciaramos barbaridades,dixo, agora voume desatar e afirmar que Xunta está a “facer unha malversación de fondos públicos” dende o punto de vista político porque vai utilizar un ben que “era noso” para devolverllo ao Estado que acabará privatizándoo.

Tereixa Paz concluíu aludindo ao Informe CORA no que o Ministro Montoro anima a “privatizar os paradores de turismo” actuando como empresa hoteleira no mercado e en competencia no sector, polo tanto, “mentira que o Castelo de Monterrei sexa para uso público e con interese cultural”.

O PP votou en contra da iniciativa do BNG impedindo que prosperara.

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG