O BNG manifesta a solidariedade e apoio ao pobo kurdo na súa loita permanente pola liberdade fronte aos estados que ocupan e reparten o seu territorio, -Turquía, Iraq, Irán e Siria-, e que neste momento mantén unha resistencia heroica na cidade de Kobane asediada polo grupo terrorismo Estado Islámico (EI) desde hai semanas.
Para a formación nacionalista, é un imperativo moral e político para todas as persoas demócratas o apoio ao pobo kurdo e denuncia a hipocrisía dos Estados occidentais e da comunidade internacional, que organizan unha coalición militar para combater o EI pero abandona a súa sorte ao pobo kurdo, como xa é habitual.
O BNG chama a atención sobre o feito de que foron os propios Estados Unidos, coa colaboración da OTAN e dos seus aliados na rexión, -Israel e as ditaduras do Golfo-, os que promoveron, financiaron e armaron grupos islamitas para desestabilizar e provocar a guerra na Siria, os mesmo grupos que agora se agrupan baixo a denominación de Estado Islámico de Iraq e o Levante (ISIS).
Esta estratexia norteamericana de organizar, adestrar e financiar grupos armados que despois é preciso combater foi ensaiada con éxito noutros países, como Afganistán. Agora a necesidade de combater o EI é o mellor pretexto para formalizar a intervención militar na rexión e continuar o control dunha zona estratéxica en termos políticos, militares e, sobre todo, económicos, pola importancia das súas reservas de petróleo.
Turquía é exemplo desta hipocrisía. Aliado fiel dos Estados Unidos, emprega todo tipo de recursos, incluída a violencia e a vulneración dos dereitos humanos para impedir que a poboación kurda que reside en Turquía acuda en axuda de Kobane, atacando con balas e gases lacrimóxenos ás milicias kurdas que defenden esa cidade.
O BNG, que defende o dereito de Galiza a súa soberanía, asume tamén a loita de todos os pobos do mundo pola liberdade, incluída a aspiración do pobo kurdo a un kurdistán libre, democrático e unido.