A parlamentaria do BNG, Montse Prado acusou aos populares de querer converter as mulleres en incubadoras dependentes
A deputada do BNG, Montse Prado defendeu hoxe na comisión de sanidade, restituír os dereitos laborais dunha traballadora do SERGAS despedida por estar embarazada.
A Proposición non de lei nacionalista foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular por considerar, en palabras da súa portavoz, Marta Rodríguez Vispo que estaba en suspensión de chamamento, circunstancia que a deputada do BNG negou.
Na súa intervención, a parlamentaria explicou que a finais do mes de xullo o Hospital de Vigo usou as listas de contratación do Sergas para proceder á substitución dunha praza de celador/a procedendo a chamar á persoa que lle correspondía e que resultou ser unha muller embarazada á que ningún informe médico lle impedía desenvolver a súa actividade.
Personada no posto de traballo, no lugar de asignarlle tarefas foi derivada á unidade de riscos laborais declarándoa non apta. Os responsábeis do centro hospitalaria en vez de adecuar a súa situación o posto de traballo como establece a lei impedíronlle incorporarse e enviárona a casa sen contrato.
Para a deputada, o acontecido colide cos dereitos laborais da traballadora polo que pediu a súa inmediata restitución.
Prado asegurou que resulta inxustificable a actuación da consellería de sanidade e considerou que con este proceder a administración da Xunta de Galiza en mans do Partido popular demostra que quere converter as mulleres galegas en incubadoras e dependentes.
A nacionalista criticou o dobre raseiro do PP que defende plans de dinamización demográfica cando está negando o dereito do traballo a unha muller por estar embarazada.
Despois dun atropelo como o que padeceu esta traballadora, a administración parece que lle perdoou a vida ao comunicarlle que a manterían nas listas de contratación, ao que hai que sumar as indignas declaraciónsda conselleira Rocio Mosquera manifestando esa persoa, pola razón que sexa, non está en condicións de realizar o traballo. Así liquidou o tema a conselleira de Sanidade, afirmou a deputada do BNG.
Montse Prado lamentou a falta de respecto a traballadores e traballadoras amosado pola titular de sanidade que logo non repara en afirmar que son a súa máxima preocupación.