A deputada do BNG, Montse Prado pide paralizar a contratación dos servizos de difusión da campaña da Consellería de Sanidade de protección e promoción da saúde e informacións ao cidadán na que serán investidos 1.944.470 euros
A deputada do BNG, Montse Prado rexistrou diversas iniciativas nas que solicita paralizar a campaña publicitaria da Consellería de Sanidade e cualifica a iniciativa de escándalo e despilfarro cando de maneira sistemática a sanidade pública galega vive un dos seus peores momentos por mor dos continuos recortes aplicados polo Partido popular en beneficio das empresas e sanidade privada.
O Partido popular utiliza a crise como escusa da insostenibilidade do Sistema sanitario público cando en realidade, a política do PP responde a unha escolla ideolóxica.
Neste sentido, para a deputada do BNG, baixo a escusa da crise a Xunta afoga a Sanidade pública cun recorte nos orzamentos do ano 2014 de 34,7 millóns de euros a respecto do 2013 perxudicando gravemente a atención sanitaria dos cidadáns
Nas iniciativas presentadas pola deputada, son recollidas entre outras denuncias: o abandono da Atención primaria, mais copagos e repagos, a redución de miles de prazas de persoal sanitario e non sanitario, rebaixas de dereitos e salarios así como a falta de cobertura por baixas e xubilacións.
Por todo o exposto, a deputada considera que a contratación da campaña de protección e promoción da saúde e informacións ao cidadán na que serán investidos 1.944.470 euros non debe iniciarse e destinar o investimento da campaña publicitaria a mellorar os medios e recursos humanos na Sanidade Pública galega.