O concello de San Sadurniño, gobernado polo BNG, recupera para uso público o Pazo da Marquesa, un edificio histórico propiedade da Fundación do Colexio do Sagrado Corazón. Logo de intensas negociacións con esta entidade relixiosa, o Pazo, que se conservaba en mal estado, foi cedido ao concello en 2010, que investiu desde entón até hoxe preto de 600.000 para rehabilitalo e acondicionalo para uso público e desde mañá será a nova Casa do Concello, que acollerá as oficinais municipais.
O edificio bota a andar "sen placas inaugurais nin cortes de cinta", que se substituirán por unha xornada de portas abertas o día 2 de xullo -festividade local- en que se prevé organizar un sinxelo acto institucional aberto á cidadanía.
A nova Casa do Concello posúe, ademais das oficinas, un novo espazo expositivo. A galería acristalada do primeiro andar é desde hoxe unha sala á que se lle quere dar vida coa organización de pequenos actos e mostras.
A primeira delas é unha exposición de cadros do pintor lugués Manolo Carballeira, un especialista en paisaxes que reuniu no Pazo máis dunha ducia de obras. A maior parte delas son óleos que, nalgúns casos, reflicten paisaxes de San Sadurniño.