A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara dirixida ao Ministerio de Fomento para formularlle unha serie de preguntas relacionadas co naufraxio do Safrán.
Rosana Pérez traslada ao Goberno unha batería de preguntas sobre o naufraxio do volanteiro de Celeiro ocorrido o pasado sábado pola noite. A deputada do BNG quer que Salvamento Marítimo explique as horas de alerta do pesqueiro, canto tardou en afundirse e a que hora chegaron á zona os efectivos.
A deputada do BNG realiza varias cuestións relacionadas co dispositivo de busca dos dous mariñeiros desaparecidos, un veciño de Celeiro e outro de Burela. Critica a deputada nacionalista que Franza puxera fin á operación de resgate ás 40 horas do afundimento e pregunta ao Goberno por que decidiron as autoridades francesas suspender tan pronto a busca dos mariñeiros desaparecidos? Non era demasiado prematura? Cantas veces tivo o Goberno español que demandar ás autoridades francesas autorización para proseguer co resgate dos mariñeiros perdidos?.
Rosana Pérez quer coñecer até cando vai o Goberno continuar coa busca dos mariñeiros. Considera o Goberno que habería posibilidade de reflotar o barco Safrán xa que os superviventes consideran que puideron quedar atrapados no interior do barco posto que estaban durmidos no momento do accidente.
Demasiado sinistros marítimos de pesqueiros en pouco tempo
A deputada do BNG amosa unha grande preocupación polo elevado número de sinistros marítimos producidos no último ano que debería levar a unha profunda reflexión ao Ministerio de Fomento. Máis de vinte mariñeiros galegos perderon a vida en accidentes de pesqueiros, lembrando os máis recentes: Santa Ana, Mar de Marín e Mar Nosso.
E resalta o denominador común que se observa en todos estes sinistros que se produciron cando as condicións do mar non eran especialmente adversas pero os afundimentos foron nun tempo veloz. A deputada do BNG pide unha investigación a fondo por parte do Ministerio de Fomento. É preciso coñecer as conclusións destas investigacións a fin de poder evitar máis sinistros deste tipo no futuro.
A parlamentar nacionalista salienta que moitos expertos na materia consideran que se produciu un relaxo das normas de seguridade. Comparte o Goberno que xa van moitos sinistros marítimos nun ano e con consecuencias irreparábeis como a morte de máis de vinte mariñeiros? Cais foron as causas dos naufraxios do Santa Ana, Mar Nosso e Mar de Marín? A que conclusións se chegaron?.
Rosana Pérez insta ao Goberno a adoptar medidas para pór fin a tantos sinistros de pesqueiros.