A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara para pedirlle explicacións ao Ministro de Interior pola detencións de seis mozos e mozas en Santiago de Compostela o pasado luns, que quedaron en liberdade un día máis tarde.
Rosana Pérez alude ao 7 de abril pasado cando axentes da policía nacional detiveron a seis mozos en distintos puntos de Santiago baixo a acusación de presuntos autores de disturbios producidos o 11 de marzo, durante a grande manifestación do sector pesqueiro de cerco. Detivéronos un mes máis tarde, e subliña que as testemuñas dalgúns deles poñen en evidencia a febleza das probas baseadas en videos e fotos de medios de comunicación captados desde arriba.
Os axentes policiais alegaron que estaban vinculados con grupos antisistema e co entorno do independentismo radical. Pregunta a Interior como é posíbel que a policía actúe con tanta impunidade, é normal deter a persoas en plena rúa en base a imaxes de medios nas que non se distinguen os rostos?.
Hai un intento por criminalizar o independentismo a toda costa
Esta maneira de proceder de Interior obedece sen lugar a dúbidas a unha clara estratexia de criminalización e demonización que está a practicar o Ministerio coa mocidade, colectivos e organizacións. Acusa a Interior, a determinados delegados do Goberno e outros cargos de estar empeñados en demostrar a existencia de organizacións terroristas na Galiza cando a realidade demostra a súa inexistencia. Un empeño en resucitar a toda costa o terrorismo que nos leva a pensar nunha intencionalidade clara por parte do Goberno en seguer alongando esta cuestión por intereses partidistas ou eleitoralistas.
Acusan, deteñen e logo se comproba que é falso pero xa difamaron
Rosana Pérez critica que se denominen brotes de terrorismo os incidentes e as lóxicas reacións defensivas de cidadáns ou colectivos ante as desmesuradas cargas policiais. Ademáis, censura o intento de Interior por relacionar a palabra independentista con suxeito perigoso, criminal, violento, un prexuizo anti democrático porque en ningún diccionario da Real Academia figura que se independentista signifique ser terrorista ou criminal. É un prexuizo ideolóxico sobre explotado por Interior con fines maquiavélicos.
Pregunta ao Ministro en que se basean, especialmente o delegado do Goberno na Galiza, para perseguer un pretendido terrorismo que xa non existe, moito menos na Galiza?.
Na mesma liña, lembra que tamén se intentou cargar ao independentismo galego os incidentes da manifestación de Madrid do 22-M. Outra falsedade, outra mintira. Acusan, sinalan, deteñen e logo se comproba a falsedade pero xa difamaron.
Reprocha ao Ministro de Interior o vertixinoso aumento da represión policial, sobre todo antes as manifestacións ou inmigrantes que cruzan a valla en Melilla. Están a implantar un estado policial, vixiado e que coarta as liberdades e os dereitos fundamentais.