A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, solicitou esta mañá a comparecencia urxente da Secretaria de Estado de Educación, Formación Profesional e Universidades para que explique a que se debe o enorme retraso no pagamento das bolsas xerais de Universidade.
Rosana Pérez subliña que este retraso está a xerar importantes problemas económicos a alunos e alunas que dependen das bolsas para poder custear o curso académico. Un feito que xunto con outros está a contribuir a que moitos estudantes non poidan pagar a matrícula e se vexan obrigados a abandoar o curso.
A deputada do BNG lembra que este tema xa o levamos á Comisión de Educación celebrada o pasado 8 de abril nunha proposición non de lei que o PP rexeitou. E denuncia a política xeral en materia de bolsas e axudas ao estudo que o Ministerio está a desenvolver e que está a prexudicar a miles de mozos e mozas.
A estas alturas de curso e sen pagar as bolsas
Nesa iniciativa, o BNG demandaba a mellora dos requisitos para acceder ás bolsas Erasmus e que canto antes se proceda ao pagamento das bolsas de Universidade, posto que a estas alturas de curso miles de estudantes aínda non cobraran a parte vairábel da beca.
Rosana Pérez denuncia que non é de recibo que esteamos a piques de rematar o curso, e miles de estudantes aínda non cobraran a parte variábel das axudas. Demanda ao Ministerio que acelere o pagamento das bolsas xerais, e critica a nova fórmula do Ministerio consistente en dividir as becas en dúas partes, unha variábel e unha fixa, que prexudica a miles de familias de baixos recursos.