A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, solicitou hoxe a comparecencia urxente da Ministra de Fomento para que explique o paquete de Reformas estruturais no sector do transporte, aprobado polo Consello de Ministros do venres pasado.
Rosana Pérez considera que estamos ante un proceso privatizador no eido das infraestruturas que son parte estratéxica na política deste Goberno. Desde o BNG, censuramos totalmente a privatización parcial de AENA porque empiorará a calidade dos servizos nos aeroportos, así como a seguridade. É unha mala noticia para unha infraestrutura básica que debe permanecer en máns públicas.
O PP sigue entregando servizos públicos a empresas privadas
A deputada do BNG quer que a Ministra explique polo miúdo este proceso privatizador do xestor de infraesturas aeroportuarias e as consecuencias para os tres aeroportos galegos. Afirma que ao longo desta lexislatura o BNG sempre se pronunciou en contra do inicio da privatización de AENA que non ten argumentación nin xustificación porque non xenera perdas, pero é algo que sempre estivo na mesa deste Goberno, probabelmente para seguir entregando servizos públicos a empresas privadas.
En relación á liberalización de Renfe, a deputada nacionalista, tamén reiterou a posición do BNG expresada desde o inicio deste mandato. Sempre fomos críticos coa liberalización de Renfe que sigue a folla de ruta do modelo inglés e que xa vemos como fracasou. O servizo ferroviario empiorou, a calidade rebaixouse, e se eliminaron servizos básicos para a cidadanía.
Nese sentido, Rosana Pérez quer que a Ministra resposte cal vai ser a programación deste proceso de liberalización que empeza coas liñas do Levante. Especialmente, se afectará aos servizos ferroviarios de Galiza.