A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, participou hoxe no Congreso nun acto organizado por 21 Plataformas de todo o estado contra o Fracking no que se recolleu a sinatura de diversas formacións políticas en contra desta destructiva e dañina práctica.
Rosana Pérez asinou un documento que recolle o compromiso de organizacións políticas como o BNG de non permitir a técnica da fractura hidráulica alí onde teña responsabilidades de goberno. Os intentos de implantar esta agresiva técnica medioambiental e que provoca graves consecuencias para a saúde humana comezou xa no estado español, especialmente en zonas de Castela, en Catalunya, Castellón, en Euskadi ou Navarra, onde xa hai un pronunciamento unánime da Comunidade foral en contra desta práctica.
Como dixo Rosana Pérez, en Galiza aínda non estamos afectados, pero somos conscientes de que pouco a pouco se vai intentar en todos os territorios do estado, e queremos unir xa as nosas voces en contra dunha técnica moi cuestionada, que ten moitos riscos medioambientais de contaminación de acuíferos, atmosférica ou de impacto no territorio. E con graves repercusións para a saúde humana como veu a demostrar unha recente sentenza do Tribunal Supremo no estado de Texas, en EE.UU.
A deputada do BNG salienta a importanza da mobilización social para parar proxectos destructivos como o fracking, e lembrou que na Galiza logramos parar proxectos moi agresivos para o medio ambiente e para as poboacións cercanas como o da minaría de Corcoesto.
Como se explica no documento que achegamos asinado por diversas formacións políticas como o BNG, o fracking consiste na explotación de xacimentos de hidrocarburos non convencionais mediante a técnica da fractura hidráulica que conleva un impacto ambiental de consecuencias irreversíbeis.