Rodas reclama medidas contra a mortaldade do berberecho

Daniel Rodas

A través dunha pregunta parlamentaria á titular de Mar, o nacionalista demandou medidas urxentes contra a mortaldade deste bivalvo que está a provocar graves perdidas económicas ao marisqueo a pe e a flote

Daniel Rodas

Pleno.- Na súa intervención, o deputado do BNG, Daniel Rodas asegurou que a “mortaldade do berberecho” na ría de Arousa, Pontevedra e Cedeira provocou os peores resultados de captura da última década, na ría de Arousa “ de 2.600 Tn no ano 2008 a 350 no 2012, e 112 no 2013” que evidencian o “desleixo” e falta de previsión da consellería ante o que cualificou de “situación alarmante” para o sector do marisqueo a pe e a flote.

Rodas engadiu que esta circunstancia produce unha caída de ingresos que segundo a propia consellería ascenden 476,6 euros ao mes no marisqueo a pe e 442,83 no marisqueo a flote con dous tripulantes.

O parlamentario reclamou medidas para paliar a “perda do recurso” e diminución de ingresos do sector. Asemade, lembrou que esta situación non é “nova” e a consellería, a día de hoxe, “nin informa das razón polas que se produce nin pon en marcha medidas para resolvela” tendo en conta que estamos ante o inicio da campaña marisqueira.

Rodas acusou a Rosa Quintana de estar “desaparecida” e de mentir sobre as reunións mantidas con todo o sector, “Sra. conselleira, dixo, vostede non pode seguir enganando ás e aos mariscadores” ,vostede debe tomar decisións urxentes que resolvan esta situación.

Por outra parte, o nacionalista tamén criticou que a conselleira declarara publicamente que nesta campaña o “berberecho foi recuperado, en certa medida” cando en realidade, afirmou o nacionalista, o sector denunciou que este ano non vai a ver “berberecho nos lombos do Ulla”.

Finalmente, o deputado lamentou que a conselleira Rosa Quintana non formulara un compromiso explícito, na sesión plenaria, para poñer en marcha de “maneira urxente” medidas destinadas a recuperar esta especie nin a resolver a redución de ingresos dos e das mariscadoras.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG