Rodas pregunta ao secretario de Mar se norma estatal exclúe a pesca da sardiña en aguas interiores

Daniel Rodas

O secretario xeral de Mar, Juan Carlos Maneiro Cadillo non respondeu ás cuestións formuladas polo deputado Daniel Rodas que acusou ao membro do Goberno de “incapaz” para defender os intereses do sector

Daniel Rodas escoita a resposta de Maneiro Cadillo

O deputado do BNG, Daniel Rodas formulou hoxe unha pregunta na Comisión de Pesca sobre o plan de xestión da sardiña en augas de competencia do Estado e a súas consecuencias ante a prohibición desta pesca en augas interiores de Galiza.

O deputado preguntou ao secretario xeral de Mar se a normativa estatal “exclúe a pesca da sardiña en augas interiores”, e responsabilizou a Juan Carlos Maneiro da actual situación do cerco. Ademais acusou a Maneiro de “non cuestionar o reparto da NEACF que concede cotas ridículas ao Estado español” comparadas coas concedidas as Illas Feroe.

Rodas cualificou a xestión de Maneiro de “irresponsábel” por asumir o abono de multas por exceso de capturas cando outros países,dixo, excedéronse pescando libremente e non foron multados”.

No debate da pregunta parlamentaria, o nacionalista aludiu a “falta de medidas” e dun plan de xestión a respecto do stock da sardiña, que exemplarizou na publicación da Orde do Estado español que contén a prohibición da pesca da sardiña nos próximos tres anos, e autorizando unicamente “o arte do cerco”.

Sobre esta cuestión, o parlamentario preguntou se a Orde estatal e de aplicación en augas interiores de Galiza porque ao seu xuízo, “ non o é”.

Daniel Rodas

Pola súa parte, Maneiro respondeu que as embarcacións de pesca tradicional poden realizar esta actividade, “perfectamente” pero “ sen pescar sardiña” o que indignou ao deputado nacionalista que afirmou que unha vez máis, “ comprobamos que o Goberno galego renuncia a defender as competencias galegas e deixa ao pairo a máis de 427 embarcacións do xeito, 19 de racús e outras varias de enmalle” e que poderían estar faenando con total normalidade en augas interiores.

Rodas reprochou que as medidas da parada subvencionada non cumpren cos obxectivos demandados polo sector e a día de hoxe, explicou, seguen sen publicar as axudas a pesar de ter rematado o prazo. O deputado acusou ao membro do Goberno de ser “incapaz” de confirmar, nesta comisión, o número de barcos que a solicitaron.

O nacionalista rematou a súa intervención reprobando que o secretario de Mar non negociara máis cota de xurelo o que obrigou ao sector a “negociala directamente”.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG