En resposta ao BNG, Facenda confirma que segue cos recursos contra a paga extra

Tereixa Paz interpelou a Elena Muñoz e esixiu que a Xunta acate as sentenzas que prevén a devolución de parte das pagas extraordinarias non aboadas aos empregad@s públicos

Tereixa Paz en sesión plenaria

 Pleno.-A deputada do BNG, Tereixa Paz interpelou hoxe á conselleira de Facenda, Elena Muñoz sobre as previsións da Xunta para a devolución de parte da paga extra dos/as funcionarios como ditaminan as sentenzas xudiciais.

Pola súa parte, a conselleira de Facenda, Elena Muñoz respondeu que a Xunta se axusta á lei e aos resultados dos recursos presentados contra as decisión xudiciais.

A deputada do BNG recomendou á conselleira explicarlle aos empregados/as públicos para que vale o “saqueo” e o esforzo que vostedes lle esixiron dende o ano 2012 porque segundo os datos oficiais, “temos o maior índice de paro da historia e a menor cantidade de afiliados á Seguridade Social” e eses parados e paradas que reciben a solidariedade dos empregados públicos sofren a “menor taxa de cobertura ao longo da historia no noso país”.

Aos empregados públicos non se lles pode pedir máis esforzo

Nunca houbo tanto desemprego e persoas paradas sen ningún tipo de prestación, polo tanto, dixo, “ aos empregados públicos que padecen a súas políticas” non se lles pode pedir máis “esforzo”.

Hai dúas cuestións diferentes neste debate, explicou, por un lado a que vostede xustifica como unha imposición do Goberno do Estado que xa motivou diferentes sentenzas xudiciais contrarias por considerar que non se pode aplicar con “carácter retroactivo” unha redución nos salarios xa devengados e unha segunda na que vostede pretende convencernos de que a Asesoría da Xunta e a Avogacía do Estado teñen razón e todos os xulgados de Galiza e o resto do Estado, Tribunal Supremo e Tribunal Superior de Xustiza están equivocados.

Tereixa Paz

A deputada cualificou de actuación “temeraria e arbitraria da Xunta” negarse a aceptar a devolución de parte da paga extra e preguntou se a Xunta ten cuantificada a cantidade que debe abonar no suposto de que eses traballadores/as interpoñan, a nivel individual, unha demanda.

Asemade, hai outras decisións, dixo, nas que vostede non se pode escudar no Estado e son aquelas que van “contra o peto” destes traballadores. Tanto o Presidente da Xunta como vostede afirmaron no Parlamento que esas medidas só se aplicarían en período de recesión económica e onte mesmo, escoitamos na Cámara galega que a economía “vai coma un tiro” polo que preguntou cando vai acabar a recesión tamén para o colectivo de empregados/as públicos de Galiza.

Quén minte, o Presidente ou a Conselleira de Facenda, preguntou? O Goberno ten a obriga de dicirlles aos traballadores/as públicos se van a seguir “na diana” do Partido popular.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG