A deputada do BNG, Carme Adán formulou unha pregunta sobre a responsabilidade do Goberno na perda dunha das máis importantes empresas galegas
A deputada do BNG, Carme Adán lamentou hoxe que non forme parte da folla de ruta da Xunta de Galiza o futuro de Pescanova, unha das máis importantes empresas galegas en proceso de liquidación.
Adán formulou unha pregunta parlamentaria ao titular de Industria sobre as actuacións da Xunta de Galiza ante a situación de Pescanova e as previsións, a partir de agora, máis alá das boas intencións que do conselleiro de Industria cando é interpelado por esta cuestión.
A deputada lembrou a valentía do goberno bipartito ao non autorizar a planta de Touriñán instalada, tras a negativa do goberno, na localidade de Mira, (Portugal) que finalmente, dixo, resultou un estrepitoso fracaso e posiblemente o inicio da ruína do grupo empresarial.
O Goberno bipartito, remarcou non sucumbiu a chantaxe da piratería empresarial e con esa medida non foi destrozado un recurso natural de gran relevancia a cambio de nada. Adán criticou que a valentía do PP só se poña de manifesto para defender o aceite andaluz pola súa consideración de estratéxico para a economía mentres Pescanova, non goza dese carácter para o Partido popular.
A deputada ironizou sobre a preocupación do presidente Feijoo pola empresa Pescanova e lembrou que o propio conselleiro parabenizou un plan de viabilidade, criticado no momento no que nacía. O goberno galego debe responsabilizarse dunha empresa que recibiu moitos millóns de fondos públicos e deben poñer en marcha todos os mecanismos para que Pescanova sexa viábel, reiterou.
A deputada concluíu a súa intervención demandando do Goberno galego medidas concretas para aquelas empresas que reciben axudas públicas e asumilas como públicas cando son rendibles e non malvendelas.