A proposta do presidente do PP, Mariano Rajoy, de elección directa de alcalde implica a negación do pluripartidismo coa intención de impoñer a ditadura da minoría fronte á maioría social que vota nas urnas a forzas políticas que poden pactar entre elas para gobernar un concello con total lexitimidade, en palabras do portavoz nacional, Xavier Vence.
A lista máis votada pode ser minoría nunha cámara cunha pluralidade de partidos e entón, con que apoios vai gobernar un alcalde que estea en minoría na cámara municipal?, pregúntase Vence, quen lembra que o réxime electoral español non é presidencialista.
Son as cámaras lexislativas e municipais as que elixen quen ocupa a Presidencia e quen ocupa a Alcaldía, tamén a través de pactos democráticos e lexítimos entre diferentes forzas políticas. Sería inconcibible que o PP cambiase unilateralmente este principio en beneficio propio, alegou.
O democrático é que o Alcalde e o goberno do Concello conte co respaldo da maioría social, sexa esta expresada a través dun ou en varios partidos, afonda Vence. O voto dunha persoa ten o mesmo valor, tanto se vai a lista máis votada como se vai a outras opcións que sumadas constitúen unha maioría social, recalca Vence, quen salienta que chegar a pactos é unha práctica non só democrática senón politicamente saudable.
Para o Bloque, a intención de Rajoy, que se apresurou a bendicir Feijóo desde Madrid no marco dunha conferencia na Fundación FAES, é un ataque á democracia municipal, no nivel máis próximo á veciñanza, xusto ao tempo que coa Reforma Local limitan as funcións e competencias dos propios concellos para reforzar as Deputacións, cuxa natureza é escasamente democrática.
O PP propón esta reforma na Lei Electoral porque quere mudar as regras de xogo en beneficio propio para seguir no poder, cando sabe que perdeu o apoio da maioría social. Facer trampa para salvar a derrota segura do PP nas eleccións municipais de 2015, denuncia Vence, quen ademais considera esta proposta un síntoma máis de que o sistema do bipartismo está superado pola realidade social, pese as manobras do PP que intentan perpetualo á desesperada, que se suma a outras propostas igual de tramposas desde o punto de vista democrático, como é a redución do Parlamento galego, conclúe