Prado reclama a Sanidade os informes que avalan o cambio do laboratorio central do Hospital de Vigo

A deputada preguntou ao Goberno por que foi modificado o proxecto para situar o laboratorio central do Novo Hospital de Vigo no Hospital do Meixoeiro

Montse Prado

A portavoz de sanidade do BNG,Montse Prado, formulou hoxe unha pregunta parlamentaria en comisión relativa á modificación do proxecto que impide ao Novo Hospital de Vigo contar cun laboratorio central.

Na súa intervención asegurou que os responsábeis da consellería de Sanidade non ofreceron ningunha “resposta satisfactoria” a anteriores preguntas formuladas polo BNG sobre esta cuestión, falta de respostas responde, dixo a unha “escolla ideolóxica do PP” para continuar na súa política de “privatización”.

Nesta liña, engadiu que a construción do novo Hospital vigués é un claro exemplo da política sanitaria do Partido popular destinada a “desmantelar a sanidade pública” para logo entregárllela á sanidade privada con fondos públicos, “o novo Hospital de Vigo sen laboratorio central mentres o Sergas asina un novo concerto con fondos públicos con Povisa”.

Ante a resposta de Sanidade que situar o laboratorio central no Hospital do Meixoeiro supón maior eficiencia e menos custes económicos e profesionais, a deputada reclamou os informes que confirman esa aseveración.

O BNG pide a Sanidade que rectifique e priorice a calidade e asistencia dós doentes

A nacionalista anunciou que o BNG continuará presentando iniciativas nesta liña ao fin de que o PP “rectifique” e poña por diante dos beneficios dalgunhas empresas, “a calidade sanitaria e atención que merecen @s doentes” dotando de medios e recursos humanos os servizos de análises clínicas, microbioloxía e hematoloxía.

Ademais, tamén acusou á consellería de Sanidade de seguir “fielmente” o deseño privatizador do PP en Madrid, a pesar de ser sido un “absoluto fracaso”, manifestou.

Félix Rubial confirma que o Hospital do Meixoeiro acollerá o laboratorio central

Pola súa parte, o director do Servizo Galego de Saúde, Félix Rubial respondeu á deputada do BNG que o Hospital de Vigo suporá o “piar da asistencia sanitaria de Vigo e comarca”. Estamos, dixo, a falar dun novo CHUVI no que os hospitais do Meixoeiro, Nicolás Peña e o de Beade desenvolverán “actividades integradas, non duplicadas”.

Rubial confirmou que no Hospital do Meixoeiro concentrarase a actividade ambulatoria e o laboratorio central para garantir as necesidades da poboación.

Os profesionais rexeitan a nova ubicación do laboratorio central

Na quenda de réplica, a deputada cuestionou a ubicación do laboratorio central e preguntou “sobre que criterios foi decidida”, porque os propios xefes de servizo, explicou, esixiron un informe que vostedes meteron “nunha gabeta” sen reunirse sequera con eles.

A deputada afirmou que a maior infraestrutura sanitaria do Estado español terá o laboratorio máis pequeno é isto, dixo “non é de recibo”, máis ben responde a súa liña de seguir privatizando os servizos. “Entregue nesta Cámara os informes que avalan a súa decisión, aínda moito nos tememos que non o poden facer porque non os teñen”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG