A deputada do BNG, Tereixa Paz defendeu dotar de medios humanos e materiais o Banco de terras e axilizar as concentracións parcelarias
Pleno.- A parlamentaria do BNG, Tereixa Paz reclamou hoxe, a través dunha Proposición non de lei implantar as medidas necesarias para a posta en valor e mobilización da superficie agraria abandonada.
Nesta liña, defendeu reactivar o Banco de Terras e a a política de concentracións parcelarias e denunciou que ambos modelos resultan na actualidade lentos e burocratizados por unha política errática do Partido popular. Pode pasar máis dun ano, dixo, desde a presentación da solicitude ata que é resolto o expediente para incorporar á explotación ás terras, circunstancia, que ao seu entender, obedece a falta de persoal e técnicos da Xunta de Galiza.
Por outra parte, cualificou de fracaso que o Goberno galego non consiga incorporar 15.000 Ha o próximo ano para ser transferidas aos agricultores.
A nacionalista criticou que o propio presidente da Xunta afirmara recentemente que en Galiza tiñamos a terra sen cultivar, ese, dixo, e o noso problema, ter un Goberno que non sabe xestionar a terra e un presidente que tolera 200 concentracións pendentes de execución sen ter analizado previamente cales son de intereses agrario e a cantidade de fundos necesarios para a súa resolución nun prazo razoábel.
A parlamentaria do BNG lamentou que unha ves máis, o Partido popular impedira que a iniciativa nacionalista prosperara para reactivar o Banco de Terras e as transferencias ás explotacións agrarias.