O PP rexeita a proposta do BNG para eliminar os TACs na pesca tradicional

O deputado do BNG, Daniel Rodas instou á Xunta a reclamar do Goberno español e da UE eliminar as cotas da pesca artesanal fronte o modelo de pesca industrial

Daniel Rodas

O deputado do BNG, Daniel Rodas defendeu hoxe na comisión de Pesca unha Proposición non de lei instando á Xunta de Galiza a reclamar do Goberno español e da UE a eliminación dos TACs e cotas para a pesca artesanal fronte o modelo de pesca industrial, a exclusión do plan de xestión da sardiña as redes tradicionais como o xeito, o racú, betas...e defender as competencias propias de Galiza en augas interiores procedendo a autorizar a pesca da sardiña para outras artes distintas ao cerco.

Na intervención, Rodas pediu “dignidade” ao Goberno galego e menos “demagoxia” ao portavoz popular José Manuel Balseiro que sistematicamente “deixa ao pairo” á flota galega en aras do respecto á norma europea. Nós, dixo o deputado, “temos un modelo de xestión máis avanzado que o modelo europeo con plans como o do xeito que son un exemplo” e en troques de sentirnos orgullosos, vostede e a propia conselleira, pouco menos que nos queren convencer da necesidade de “ borralos do mapa” ante as poucas capturas.

427 embarcacións con 1 ou 2 tripulantes, explicou o nacionalista, xeran 1.000 postos de traballo e vostedes seguen no camiño de non “darlle importancia” a esta realidade. O criterio da U.E podería ser razoable no deseño dunha pesquería que abranguera a todo o Atlántico porque a “a xarda baixa polos países escandinavos e sube ata as costas galegas” pero a pesca tradicional é outra cousa e debe ser protexida fronte á industrial.

O normal, dixo, é que o Goberno galego defendera esta actividade polo que reiterou rematar coa discriminación que supón a política de cotas e modificar a actual orde da pesca da sardiña porque elimina todas as artes agás o cerco e resulta un “disparate” que o Goberno galego asuma unha normativa que non ten aplicación nas augas galegas.

Rodas lamentou o voto negativo do Partido popular que, ao seu xuízo, é unha “nova deslealdade” co sector da pesca tradicional.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG