A Comisión de Fomento rexeitou este mediodía debido á oposición do PP, a proposición da deputada do BNG, Rosana Pérez, para flexibilizar as exixencias establecidas no Real Decreto 297/2013 á hora de otorgar licenzas de obras nos concellos situados en zonas de servidume aeronáutica de núcleos rurais, como é o caso de multitude de concellos galegos próximos aos aeroportos de Lavacolla, Peinador e Alvedro.
Rosana Pérez explicou aos membros da Comisión de Fomento os problemas graves aos que se enfrontan multitude de concellos galegos situados nas denominadas zonas de servidume aeronáutica, é dicer, circundantes a aeroportos, debido á aplicación do Real Decreto 297/2013, de 26 de abril, que modifica anteriores Reais Decretos á hora de que os concellos otorguen licenzas de obras.
A especificidade de Galiza de Solo de Núcleo Rural totalmente esquecida na norma estatal
Rosana Pérez explicou que ao albur deste Real Decreto todos os expedientes de obras en solo de núcleos rurais que se atopen dentro de zonas de servidume aeronáutica deben ser remitidos á Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA). Unha norma que está a ralentizar e burocratizar excesivamente as licenzas de obras sinxelas, posto que o Real Decreto exixe o permiso da AESA para calquer tipo de obra, cuxo prazo é de seis meses.
Denunciou a deputada do BNG que esta circunstancia afecta a pequenas obras como o arranxo dunha fachada ou o retallamento que deben agardar seis meses, co engadido de que se en seis meses non se recibe resposta, entenderáse como desfavorábel, presuponse a denegación da mesma. Pero por riba, subliñou Rosana Pérez, Galiza sofre unha discriminación por non contemplarse a especificidade característica do noso territorio que é o Solo de Núcleo Rural.
Xa que o requisito de autorización para da AESA en solo urbano só afecta ás obras maiores, e en cambio, nas zonas situadas en solo rural esta exixencia debe cumprirse para todo tipo de obras, maiores ou menores.
A deputada do BNG criticou ao Goberno por ter esquecido, como é habitual, unha singularidade urbanística propia de Galiza como a sinalada. Puxo de manifesto que a característica de Solo de Núcleo Rural non existe noutras zonas do estado, e denunciou que se obviara esta especificidade territorial galego como sucedeu noutras leis como a Lei de Costas ou outras de medio ambiente.
Por iso demandou a equiparación do Solo de Núcleo Rural ao do Núcleo Urbano Consolidado para que non existan diferenzas e os cidadáns galegos por igual, non precisen desta autorización para as obras de carácter menor.
Así explicou que o BNG insta ao Goberno a considerar o Solo de Núcleo Rural como Solo de Núcleo Urbano Consolidado nas zonas de servidume aeronáuticas. En segundo termo, a deputada do BNG pediu a modificación do Real Decreto de 2013 de xeito que se elimine a exixencia de solicitar permiso á AESA para facer calquer tipo de obra que non supere os 20 metros de cota sobre a rasante natural do terreno existente.