O PP por boca do seu deputado por Lugo, Jaime de Olano, manifestou o seu rexeitamento á proposición do BNG debatida na Comisión de Fomento do Congreso para que se iniciasen negociacións con Alcoa e poder abrir o dique norte a usos comerciais debido a que non se utiliza.
O deputado do PP por Lugo, que na campaña de 2011 ás elecións xerais, defendeu firmemente esta cuestión, cambiou agora de tercio opoñéndose á proposición do BNG baixo o argumento de que carece de lóxica económica e social. Paradoxalmente, empregou o argumento contrario ao utilizado en 2011.
Sería beneficioso para a actividade industrial de A Mariña
Na súa intervención, Rosana Pérez lembrou que o BNG xa trouxo ao Congreso este tema no ano 2008 e lograra a aprobación dunha proposición non de lei. Lembrou que a multinacional Alcoa explota en réxime de concesión o porto comercial de San Cibrao cunha concesión que remata en 2022, máis Alcoa só utiliza o dique sur mentras permanece en desuso o dique norte desde hai anos.
A deputada do BNG afirmou que se podería adaptar a usos comerciais, e aludiu a un Informe de viabilidad elaborado en 2010 por Portos de Galiza e que avaliou a idoneidade de resgatar o dique norte para usos comerciais. No que atinxe á viabilidade económica, cualifica de rendábel nun periodo razoábel cun investimento na infraestrutura portuaria de 15,5 millóns.
O informe, explicou, estabelecía un cronograma de actuacións para a súa posta en funcionamento en seis anos. E para o proceso de resgate para usos comerciais, Portos de Galiza propuña a creación dun grupo de traballo conformado por Portos de Galiza, Autoridade Portuaria de Ferrol San Cibrao e Alcoa.
Destacou Rosana Pérez que na zona de A Mariña existe unha importante industria maderera que debe usar portos pequenos como o de Celeiro ou Burela e tamén destaca a actividade dunha industria de feldespato.
Cambio de posición do PP
Lembrou ao deputado do PP por Lugo, Jaime de Olano, que no seu momento, non só houbo unanimidade no Congreso en torno á proposición do BNG, tamén no ano 2009, gobernando o PP, se aprobou no concello de Cervo. E na campaña das elecións Xerais de 2011, tanto o PP como o PSOE e o BNG comprometémonos en debate públicos a traer este tema ao Congreso de novo para que o dique norte poida ter usos comerciais.
Dirixíndose ao deputado do PP por Lugo, lembroulle que daquela defendía con contundencia na precampaña de 2011 que se debía reivindicar esta cuestión. Incluso, subliñou, criticou ao entón Ministro de Fomento do PSOE, José Blanco por non ter feito nada ao respeito.
Trátase pois, dun tema de longo percorrido , afirmou Rosana Pérez. A deputada do BNG referiuse á situación actual de Alcoa A Coruña e Avilés con problemas debido ao sistema de interrumpibilidade, coidamos que sería un bón momento apra retomar as negociacións e diversificar as actuacións na comarca. É verdade, puntualizou, que Alcoa A Mariña non ten problemas e desde logo defendemos absolutamente que siga en funcionamento pero entendemos que se pode compatibilizar as dúas cousas e dar servizo a outras industrias.
Rosana Pérez deixou claro que o BNG non está demandando compromisos orzamentarios, senón simplesmente que se retomen as negociacións e coidamos que é unha proposta asumíbel.
En canto á emenda presentada polo grupo socialista, a deputada do BNG concordou coa proposta de que se asinen convenios pero non estamos dacordo en que sexa unha emenda de substitución, son dúas propostas distintas e compatíbeis.