Carme Adán defendeu unha tarifa eléctrica galega e o PP xustifica o seu voto contrario nos elevados custes da distribución e mantemento das liñas por parte das grandes empresas eléctricas
A proposición non de lei defendida hoxe pola deputada do BNG, Carme Adán sobre unha a posible implantación dunha tarifa galega para que os galegos e galegas paguemos menos polo recibo da luz, foi rexeitada polo Partido popular aducindo que en Galiza hai unha distribución rural que fai que os custes e mantementos das liñas sexan máis elevados para as grandes empresas eléctricas.
Para a deputada, Galiza debe impedir que as industrias galegas pechen por non poder asumir as facturas da luz porque, dixo, somos un país excedentario en produción eléctrica. Adán lembrou que precisamente estes días, os postos de traballo en Alcoa e Megasa están ameazados pola nefasta xestión enerxética no Estado español. Neste sentido, reiterou que mentres as empresas galegas están abocadas ao peche, a industria vasca negociou unha tarifa eléctrica que suporá o aforro de 2.000 millóns de euros. En Galiza, fimrou, descoñecemos a posición da Xunta ante as decisións do Ministro Soria.
De non mudar a normativa aumentará a pobreza enerxética
A parlamentaria tamén falou dos novos cambios normativos sobre os diferentes tramos eléctricos e un déficit tarifario que obrigará aos usuarios a pagar máis polo recibo da luz que derivará en máis pobreza enerxética.
Adán amosou a súa vontade de votar por separado os tres puntos a iniciativa nacionalista centrados en: Deseñar medidas que supoñan un beneficio para os consumidores e consumidoras galegas derivado da produción excendendaria de enerxía eólica, a realización dun estudo por parte do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA), desas condicións excedentarias cara unha tarifa eléctrica galega e instar ao Consello galego da competencia a elaborar un informe das condicións do mercado en Galiza como produtor execendatario de enerxía eléctrica.
O PP segue defende os intereses económicos das grandes empresas eléctricas
Pola súa parte, o portavoz popular xustificou o voto en contra á proposta nacionalista asegurando que as grandes empresas eléctricas asumen elevados custes pola distribución e mantemento das liñas debido á distribución rural en Galiza, proponse unha tarifa eléctrica galega máis vantaxosa que a do resto do Estado porque producimos máis do que consumimos ... as centrais foron construídas por capital privado para o servizo de todo o Estado e se somos unha gran potencia eléctrica non é grazas aos nacionalistas porque de seguir os seus consellos moitas das centrais non estarían construídas.
O voceiro popular foi máis alá e asegurou que se Estremadura produce un 800% da enerxía que consume e Galiza un 140%, os estremeños terían dereito a unha rebaixa cinco veces máis que en Galiza.
A deputada do BNG replicou sentirse orgullosa de ser nacionalista e reclamar unha tarifa eléctrica que beneficie a todos e todas os galegos e lamentou que o Partido popular impida sequera o debate sobre a súa posible aplicación.