Pontón: “A Xunta non protexe o galego, quere que desapareza”

A deputada censurou as declaracións de Feijóo responsabilizando ás familias do retroceso no uso do galego

Ana Pontón en comisión

A parlamentaria do BNG, Ana Pontón formulou hoxe unha pregunta ao goberno en comisión relativa á situación do idioma galego  e o cumprimento dos obxectivos do Plan de Normalización Lingüística.

A deputada criticou que o secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, aseverara que o idioma “está mellor”, descualificara a enquisa do IGI, achacara ao bipartito o retroceso actual da lingua galega e afirmara que o sistema educativo “funciona de marabilla”.

A nacionalista replicou que os datos reais son outros e puxo como exemplo que no ano 2008 o 14,3% dos estudantes afirmaban recibir todas as clases en galego fronte o ano 2013 que esta realidade caeu ao 2,15%, moi lonxe dos datos do 2003 do 8,32%. A deputada afirmou que estes datos que demostran, “a perda de galegofalantes”.

Neste sentido negou, como defende a Xunta que o retroceso no uso do idioma galego sexa “un problema das familias”,o verdadeiro problema, reiterou, é que a lingua galega segue discriminada desde o punto de vista legal e social e o agravante é que “A Xunta de Galiza promove a desaparición do idioma, en todos os ámbitos”.

Pontón censura as declaracións de Feijóo por culpabilizar ás familias

Sobre esta cuestión, reprobou as recentes declaracións de Núñez Feijóo afirmando que “a Xunta está preservando o galego e o único que falta é que as familias sexan partícipes desta situación”. Hai moitas nais e pais, replicou Pontón, preocupad@s porque o galego se manteña nos seus os seus fillos e fillas e que se atopan que ao entrar no sistema educativo saen falando castelán. Isto é un síntoma da “decadencia e soberbia” deste goberno e de como traizoa no noso país a nosa lingua.

Ana Pontón

A secretaría Xeral de Política Lingüística, insistiu Pontón, “mira para outro lado” e o Goberno do PP “tirou o lixo” o Plan de Normalización Lingüística. O seu Goberno, recalcou só quere manter a discriminación do galego.

Pola súa parte, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García non respondeu as catro preguntas formuladas pola nacionalista relativas á avaliación da Xunta sobre a situación da lingua galega, o cumprimento dos mandatos establecidas no marco legal vixente así como os obxectivos do Plan de Normalización da lingua galega. Nós, concluíu, entendemos, que vostede veña ao Parlamento a facer todo tipo de “filigranas políticas e torturar os datos” pero hai unha realidade aí fora da que vostede debe ser consciente.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG