Pontón reitera que a Xunta pode incorrer en prevaricación coa Autovia da Costa da Morte

A  deputada formulou unha pregunta parlamentaria sobre as razóns que levaron á Xunta de Galiza a modificar a lei de contratación pública para xustificar o incumprimento do contrato da autovía da Costa da Morte

Ana Pontón en sesión plenaria

Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2014.Pleno.- A deputada do BNG, Ana Pontón lembrou que a Autovía da Costa da Morte foi unha promesa de Fraga tras a catástrofe do Prestige e once anos despois, só quedan “promesas, mentiras e intereses corruptos”.

Para a parlamentaria, todo o proceso resulta “unha metáfora do desprezo do Partido popular aos veciños e veciñas” e un claro exemplo de como “vulnerar a legalidade vixente para beneficiar ás empresas construtoras”.

 

Neste sentido, apuntou que todos os membros do Gabinete da conselleira Ethel Vázquez e do PP poden facer os informes “ad hoc” que queiran pero resulta evidente que todo o proceso seguido coa autovía da Costa da Morte é un “dislate e unha evidencia de como usar o DOG para saquear os fondos públicos”.

Sobre esta cuestión, remarcou as tres adxudicación en seis anos, unha obras que anunciaron estar rematadas hai un ano cando na actualidade só vai un 20% realizado e a aposta por un “modelo privatizador e fracasado” que pagaremos tres veces por riba do custe real das obras.

A parlamentaria foi máis alá, e afirmou que existe sobre a mesa unha modificación “pola porta de atrás” sobre a concesión e incumprimento de contrato que afectará ademais á Lei de contratos do sector público co fin de “beneficiar o interese da UTE da construtora”, UTE que aparece, dixo, citada na trama Gürtell para financiar “ilegalmente” ao PP.

Con esta modificación, afirmou, non só perdoan a penalización senón que teremos que indemnizala facendo que a autovía da Costa da Morte se converta “nunha das máis caras de Europa”.

A devandita empresa, engadiu, estaba en quebra no ano 2012, e vostedes a pesar de sabelo, “non fixeron nada” e continúan sen explicar porqué.

A nacionalista rematou a súa intervención reiterando que o Consello da Xunta e os membros do Parlamento que apoien esa modificación da lei “poden estar incorrendo en delito de prevaricación” como xa advertiu o BNG que mesmo anunciou levar ante a Fiscalía o novo contrato da autovía coa empresa COPASA para que investigue si a Xunta cometeu “delito de prevaricación”.

 

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG