Pontón: "Hai indicios de prevaricación da Xunta na modificación do contrato da Costa da Morte""

A deputada acusou á conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez de defender “modelos caducos” e dar as costas os problemas das persoas e de Galiza

Ana Pontón

A deputada do BNG, Ana Pontón cualificou hoxe os orzamentos da consellería de Ordenación do Territorio de “orzamentos da crise, máis paro e máis desigualdade”.

Para a nacionalista, a previsións económicas da consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas “desatenden ás persoas e continúan con modelos caducos que priorizan o cemento e asfalto fronte a políticas de vivenda e solo, medio ambiente e xestión da auga”.

Tras da defensa de Ethel Vázquez das contas para o 2015, Pontón afirmou que “54 de cada 100 euros son destinados a cemento e asfalto, 7,5 para políticas de vivenda e solo, 7,2 para o medio ambiente e 8,4 a xestión da auga”. É falso, recalcou, a nacionalista, que estes orzamentos sexan máis sociais e representen a saída da crise porque reiteran “políticas fracasadas que conducen a Galiza a situación crítica”.

Os orzamentos benefician ás construtoras

A parlamentaria do BNG manifestou que os orzamentos renuncian a efectivizar o dereito á vivenda e “poñen os cartos públicos ao servizo das construtoras”, construtoras, engadiu que logo “aparecen nomeadas nos casos de corrupción do Partido popular”, agora investigadas pola Xustiza. Pontón tamén explicou que dende que goberna Núñez Feijóo, os programas destinados a vivenda baixaron de media o 80% ao que sumou o “fracaso” do plan de realoxo.

Onte, o informe do Consello de Contas reflectía “desviacións” nos prezos das obras “preto do 31% cun prexuízo de 50 millóns de euros para as arcas públicas en apenas dous anos”. O consello de Contas tamén cuestiona o modelo privatizador das infraestruturas denominado “público privado” e que nós, afirmou, consideramos “unha verdadeira estafa”.

Pontón asegura que hai indicios de prevaricación da Xunta na modificación do contrato  da Autovía da costa da Morte.

A deputada do BNG advertiu que o Goberno galego pode incorrer en “ilegalidade” modificando a lei de acompañamento dos orzamentos co fin de variar os contratos. Neste sentido, referiuse a adxudicación dunha obra, en alusión a Autovía da Costa da Morte, “triplicando o valor real” e recoñecendo a propia Xunta o incumprimento dos prazos da construtora. En vez de aplicar as condicións do contrato, a Xunta nun ano con máis recursos, manifesta que non pode facerse cargo do total da obra.

Este proceder, dixo, non só é un desprezo para os habitantes da Costa da Morte senón que pode representar “prevaricación” do Goberno galego. Nesta liña, leu diversas cláusulas recollidas no contrato para xustificar a súa acusación, relativas a: Retrasos na execución das obras da Autovía,obrigacións da sociedade concesionaria, prerrogativas da Administración para rescindir o contrato, asunción de responsabilidades da concesionaria e penalizacións no suposto de incumprimentos das súas obrigacións.

A parlamentaria salientou o incumprimento “grave” dos prazos das obras de construción e posta en servizo da devandita autovía e preguntou que consecuencias vai provocar. A Xunta determinará as penalizacións dentro dos limites indicados e acordará a resolución do contrato, ou de novo “todos os galegos e galegas imos asumir 700 millóns de euros dunha infraestrutura que costa da metade”? Vai a Xunta a premiar con cartos públicos á concesionaria da Costa da Morte que incumpriu os prazos das obras?, concluíu.

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG