Pontón critica o "modelo privatizador do PP" das infraestruturas galegas

A deputada contrapuxo os recortes do PP en prestacións sociais fronte a “sensibilidade” que mostra coas empresas concesionarias das autovías

Ana Pontón defende a PNL en sesión plenaria

A deputada do BNG, Ana Pontón puxo de manifesto que as familias con dificultades ao igual que os desempregados e persoas afectadas polos recortes “ninguén os salva” mentres as empresas concesionarias das autovías que teñen a obriga de asumir “un risco empresarial” son rescatadas polo Goberno galego cando existe ameaza de quebra. “Ogallá tiveran vostedes a metade desa xenerosidade coas persoas que padecen as graves consecuencias das súas políticas e a crise económica”.

A parlamentaria defendeu unha Proposición no de lei para non incrementar, nas negociacións, o canon ás concesionarias das autovías do Salnés e Barbanza.

O PP, submiso coas empresas concesionarias

Na súa intervención, cuestionou o proceso que cualificou de “estafa” e considerou que a Xunta mostra “unha dobre vara de medir” ademais de submisión ás empresas concesionarias.

Dende o BNG, dixo, opoñémonos ao proceso de negociación, paralizar o incremento do canon para as autovías do Salnés e Barbanza, remisión da documentación e que non sexan privatizadas a AG 53 e AG 54.

O modelo elixido polo Partido popular é “un modelo fracasado”

Pontón cualificou a xestión das autovías, por parte de empresa privadas, de “modelo fracasado” polo que reiterou abandonar o proceso privatizador das infraestruturas.

A deputada pediu, ante o inicio dunha nova etapa na consellería de Medio Ambiente e Infraestruturas, “non cometer os mesmos erros”. O grave do Partido popular, dixo, é que non recoñece que o modelo elixido representa un “grande custe para as nosas arcas” e que estes modelos, postos en marcha para beneficiar a certas empresas e negocios, seguen contando co apoio do Partido popular.

Un proceso feito ás costas do Parlamento para beneficiar a empresas e negocios

O proceso de incremento do canon fíxose “de costas” ao Parlamento e negando que se fora a producir, a pesar de habilitar nos propios orzamentos actuacións para habilitar o proceso de negociación coas concesións de obra pública, “quen fai a lei fai a trampa”, remarcou.

Neste sentido, engadiu que o Consello de Contas xa alertou dos síntomas que se estaban a ver nas concesións entre os que destacou: a falta de transparencia nas empresas, inviabilidade e elevada marxe de discrecionalidade.

Pola súa parte, o portavoz do PP, Alejandro Gómez afirmou que as autovías non están a ser rescatadas ao que a deputada respondeu que o propio ex-conselleiro Agustín Hernández e a actual conselleira Ethel Vázquez “recoñecérono en sede parlamentar” e os medios de comunicación non se volveron tolos cando deron conta desta información.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG