Pontón ao secretario de Cultura: “Primeiro perseguiu o galego e agora asfixia a Cultura ”

A nacionalista acusou á Xunta de practicar “a crónica do disparate” por “facer unha cousa e dicir a contraria”

Ana Pontón en comisión parlamentaria

Tras a comparecencia do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, a petición propia para informar ao Parlamento do traballo desenvolto en materia cultural e próximas liñas de actuación previstas polo seu departamento, a deputada do BNG afirmou que, unha vez máis, “segue contándonos milongas” cando en realidade, o sector cultural galego está a vivir o seu peor momento.

Pontón acusou a Anxo Lorenzo de “perseguir o idioma galego” cando ocupaba a secretaría xeral de Política Lingüística e agora pretende facer “o mesmo coa cultura galega”.

A parlamentaria nacionalista amosou o seu malestar pola ausencia do Conselleiro de Cultura na presentación da memoria da Consellería facéndoo no seu lugar o secretario xeral. É unha falta de respecto que non estea aquí o conselleiro cando hai tres días tiña tempo para asistir a unha rolda de prensa de “autopropaganda desta memoria”,dixo.

Pontón asegurou que Anxo Lorenzo “dilúe responsabilidades” e tenta convencernos de que a Xunta está a facer “un inxente labor a prol da cultura galega” cando a realidade, “temos un Goberno sen rumbo asfixiando e desmantelando todo o feito con anterioridade”.

Neste sentido, aludiu a licitación de 3,4 millóns de euros en publicidade mentres as ordes de axudas culturais seguen sen ser convocadas e as destinadas ás industrias culturais, no último ano, non chegaban a un millón de euros.

A crise, unha escusa para seguir recortando en Cultura

O sector do libro ven de denunciar nun manifesto o proceso de desmantelamento acusando á Xunta dunha “asfixia” económica que leva á súa invisibilización, os fondos para bibliotecas foron recortados nun 65% pechando en Galiza, 45 bibliotecas públicas,o emprego cultural no ano 2012 caeu un 11,6% coa perda de 2.800 empregos, menos apoio para a distribución da rede galega de teatros e auditorios con menos da metade de funcións respecto do 2008, a música ao vivo pasou de 714 concertos a 166, isto é o que vostede entende por apoiar e difundir a cultura? preguntou.Ana  en Comsión

Precariedade nos centros de produción propia reducindo os orzamentos nun 50% do Centro Coreográfico mentres seguen dilapidando recursos públicos na Cidade da Cultura, no ano 2013, a Xunta dedicou “catro veces máis á actividade do Gaiás” que na distribución por todo o país, engadiu.

Cidade da Cultura, “cascarón baleiro”

Para a deputada, a Cidade da Cultura non representa un centro de dinamización económico, turístico nin social, converteuse, afirmou, “nun lastre” cunhas cifras alonxadas das previsións do propio Goberno galego e dos grandes centros culturais.

Finalmente a deputada botou en falta algunha alusión as liñas de recuperación da memoria histórica e recriminou que nesta materia, o Partido popular iniciara o baleirado de referencias dos espazos como a Illa de San Simón.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG