A política de benestar social, sinal de identidade do Goberno mucipal do BNG no Concello de Zas

VENCE E O ALCALDE DE ZAS, MANUEL MUIÑOS

Nun contexto en que moitas familias teñen serias dificultades económicas, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, valorou os programas de benestar social que está a desenvolver o Goberno municipal de Zas que encabeza o alcalde Manuel Muíños, en particular o programa de bolsas para estudantes.

“Un programa de apoio á xente nova con bolsas para facilitar o acceso a todos os niveis do ensino aos estudantes das familias máis necesitadas que beneficia a 150 mozos e mozas deste Concello para cursar estudos, incluído os universitarios”, salientou Vence.

Igualmente, o dirixente nacionalista salientou a programación de actividades de formación, cultura, ocio e deporte nos que participan máis de 500 veciños e veciñas, unha cifra moi relevante nun Concello que non chega aos 5.000 habitantes.

“Un concello dinámico cunha decidida actuación para fomentar o benestar da cidadanía, cunha política social para a xente nova pero tamén para as persoas maiores, cun programa de actividades culturais, deportivas e de lecer”, subliñou Vence.

Tras a visita a casa consistorial onde mantivo un encontro co grupo de goberno, Muíños e Vence visitaron o parque empresarial, “mostra do impulso á actividade económica, con apoio á creación de solo industrial man a man co empresariado local para promover iniciativas como a que permitiu a urbanización desta infraestrutura”, valorou.

Para o dirixente nacionalista, o goberno de Muíños recolle o empeño dos gobernos do BNG en desenvolver “unha xestión honesta, transparente, eficiente, capaz de contrarrestar e de facer fronte ás consecuencias das políticas de axuste do Goberno central e da Xunta”. Un exemplo de como o Bloque goberna as institucións nas que participa ao servizo da cidadanía, “nas antípodas da forma de xestionar o público que ten o PP”

Recursos patrimoniais

Vence criticou a falta de colaboración da Deputación da Coruña e da Xunta co Concello de Zas e outros concellos da Comarca de Soneira para poñer en valor o patrimonio arqueolóxico e cultural, cando debería ser elemento de dinamización.

“Os concellos do BNG da comarca teñen claro que a riqueza patrimonial e histórica e un factor importante para a dinamización económica, e están facendo todas as xestións posibles para que isto sexa así, pero necesitan a colaboración da Xunta e da Deputación”, explicou.

En lugar de colaboración hai “obstrucionismo” por parte da Deputación, criticou, e citou como exemplo o caso das Torres do Allo, “pechadas ano tras ano, desaproveitando o efecto dinamizador que podería ter na actividade cultural e turística do Concello”, sinalou Vence.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG