Patrimonio non responde ao BNG sobre a denuncia d@s veciños contra as obras no río Sarria

A deputada do BNG, Ana Pontón formulou unha pregunta parlamentaria sobre o impacto nun tramo do Camiño Francés por mor das obras de adecuación da canle dos ríos Sarria e Celeiro

Ana Pontón en Comisión

A deputada do BNG, Ana Pontón formulou hoxe unha pregunta na Comisión de Ordenación do Territorio sobre o expediente de tramitación para a adecuación da canle dos ríos Sarria e Celeiro na súa primeira fase no concello de Sarria e o impacto negativo das obras sobre o patrimonio cultural na zona.

A deputada lembrou que as obras de adecuación da canle afecta a un tramo do Camiño Francés, declarado Patrimonio da Humanidade coa categoría de Ben de Interese Cultural, polo que as actuacións que nel se realicen precisan dun  informe rigoroso da Dirección Xeral de Patrimonio.

Neste sentido, preguntou que informes elaborou este organismo e se son compatíbeis coa tala de arborado no río Sarria así como polas razóns que motivaron que a Xunta de Galiza non remitira a información solicitada polo Grupo parlamentario do BNG, nesta materia

Tras a resposta da directora xeral de Patrimonio Cultura, María del Carme Martínez Insua que xustificou o labor do seu departamento no que ten a ver coa protección patrimonial galega, a deputada replicou que “miran para outro lado” e hai outros aspectos sobre os que o Goberno segue sen responder como a denuncia formulada contra a tala de arbores, “non sabemos, dixo, se vostedes autorizaron esa tala masiva” a pesar da protesta veciñal.

Unha vez mais, reiterou, son os veciños e veciñas de Sarria os que se manifestan contra “a indolencia” da Xunta e vostede mesma, hoxe, recoñeceu “coa boca pequena” que non existe un estudo especifico sobre afección do camiño Francés.

Cál será a alternativa cando sexa cortado o camiño Francés? preguntou, porque vostede sabe que serán derribados dous pontóns centenarios nunha torre e a Xunta aínda non se pronunciou sobre este extremo ao igual que no derrube dunha ponte centenaria que imitaba o modelo dun arquitecto francés.

O problema, sinalou é que moitos dos fondos seguen sen catalogar e a Xunta segue incumprindo a Lei, o Inventario xeral de Galiza é “descoñecido”, remarcou.

A deputada apelou á riqueza patrimonial e súa a máxima protección porque na súa opinión, “unha vila que destrúe o seu patrimonio, destrúe a súa identidade”,concluíu.

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG