A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, subiu á tribuna da Cámara Baixa a defender a emenda á totalidade do BNG ao proxecto de lei para a salvagarda do Patrimonio Cultural Inmaterial.
Rosana Pérez acusou a Wert de voltar cun proxecto, que como a LOMCE, só pretende españolizar. Puxo de manifesto que no proxecto de lei se adican páxinas a intentar xustificar e procurar encadre ás competencias estatais en materia de proteción cultural inmaterial, e aínda así, non o consigue.
Aludiu á unha sentenza do TC de 1991 que dí que esta materia é basicamente competencia autonómica e que só o estado pode intervir en casos excepcionais. Reprochou a Wert de deixarse conducir pola obsesión enfermiza de recentralizar competencias e invadir unha competencia propia de Galiza. Mencionou o artigo 27 do Estatuto de Autonomía de Galiza que deixa claro que o patrimonio cultural sexa inmaterial ou material é unha responsabilidade de Galiza.
Invasión do estado das competencias exclusivas en cultura
Acusou ao Ministro de Cultura de querer implantar sucursais administrativas do Estado, incluso nos territorios que teñen lingua propia como o galego, que nin respectan nin protexen. Criticou Rosana Pérez a invasión competencial e de ter a intención esperpéntica de crear unha cultura nacional que nin se corresponde coa pluralidade nin coa variedade e diversidade cultural, lingüística e nacional do estado.
Así, criticou que se chegue ao paroxismo de encumbrar a tauromaquia como patrimonio cultural e parte desa pretendida cultura nacional, definíndoa incluso como festa nacional. Amosou a rotunda oposición do BNG a este ensalzamento que vai en contra de decisión adoptadas noutros territorios do estado e que constitúe unha auténtica barbarie.
A deputada do BNG fixo referencia a unha serie de artigos do proxecto de lei que valdeiran de competencias ás CC.AA, chegando ao punto de nin siquera estabelecer colaboración ou coordenación coas autonomías, o que considerou un abuso de poder. Afirmou que o que están vostedes a facer é impór a opción ideolóxica dun Goberno e dun partido cada vez máis alonxado da realidade e das preocupacións da sociedade.