XVIII Asemblea Nacional

Ana Pontón abre a XVIII asemblea cun chamamento a ampliar a base social e electoral do BNG co gran reto de liderar Galiza en 2028

Ana Pontón
Ana Pontón

“Imos a por todas sabendo que neste momento histórico non hai nada máis revolucionario que chegar ao goberno para mellorar a vida dos galegos e das galegas”, proclamou

Atribúe o avance do Bloque ao traballo colectivo e a unha liña política “firme pero amable”,  centrada nos problemas e aspiracións da cidadanía

Recoñecemento especial ás mulleres do BNG ás que anima a dar un paso adiante para asumir máis responsabilidades dentro da organización

A portavoz nacional, Ana Pontón, abriu a XVIII Asemblea Nacional do BNG cun sentido agradecemento a todas as persoas que loitaron e loitan para facer grande o proxecto político que representa o Bloque “no tempo e no lugar que fora, ás que levades unha vida de compromiso e ás que acabades de chegar, especialmente á xente moza que sodes garantía de futuro”.

Un Bloque Nacionalista Galego que está no mellor momento da súa historia tras un “espectacular” avance social e electoral que Pontón atribuíu a dous factores: o traballo colectivo dunha militancia que nunca se rendeu, nin  nos momentos máis críticos, e que está cada día ao pé do canón; e á liña política posta en marcha pola dirección que colleu as rendas en 2016, “unha liña clara e actualizada, unha maneira diferente de facer política, firme pero amable, centrada nos problemas e nas aspiracións da cidadanía”.

Plenario
Plenario

Dous factores que explican que hoxe o Bloque sexa unha organización con máis iniciativa e impulso que nunca, cando hai apenas oito anos voces fóra e dentro daban ao BNG por amortizado. “Había quen propoñía retirarse ós cuarteis de inverno pensando que o barco non resistiría as tempestades da invernía; outros propoñían buscar un remolcador de empresa allea que nos levase directamente ao desguace. Oito anos despois, nin retirado nin desguazado senón un BNG con máis iniciativa e máis impulso que nunca”, subliñou.

Aquel BNG “desorientado e confuso” convertido nun barco “á deriva con risco de afundirse” é hoxe a segunda forza política e a alternativa real ao PP, porque logrou enderezar o rumbo grazas a unha “tarefa colectiva” capitaneada por unha dirección “coral, forte e áxil”, recalcou Pontón, facendo un recoñecemento expreso a todas as persoa que integraron esa dirección “pola súa dedicación e bo tino na ponte de mando”.

Como resultado dese acerto, o BNG de 2024 é máis forte “no organizativo, no social e no electoral”, explicou. De feito, sumou 1.400 afiliacións, participa e está implicado en todas as loitas sociais: defensa da sanidade e educación públicas, a denuncia do espolio eólico, o avance do feminismo, a lingua ou no momento social contra a bomba ambiental de ALTRI. E máis forte tamén no electoral, cun avance en todas as citas cos urnas: municipais, xerais, europeas e galegas co mellor resultado da historia do Bloque.

Pero ese logro non lle fai caer ao BNG nin no conformismo, nin na compracencia porque o obxectivo non é limitarse a sumar máis deputados e deputadas senón disputarlle a hexemonía ao PP para liderar o goberno do País en 2028. Ese é gran obxectivo ao que Pontón emprazou a toda a militancia: “Neste momento histórico non hai nada máis revolucionario que chegar ao goberno para frear o espolio, normalizar a lingua, poñer o país a producir e conseguir un concerto económico ou un novo status de nación para mellorar a vida dos galegos e galegas”, proclamou.

Liderar Galiza para endereitar a “desfeita” dun PP que goberna para as súas empresas amigas e para as multinacionais “que se forran a costa do territorio e dos nosos recursos”, coa complicidade dun presidente “desleal con Galiza”, denunciou.

Para lograr ese obxectivo, o camiño é seguir sumando a máis persoas ao proxecto común, tras demostrar que cunha política nacionalista o BNG foi capaz de chegar a amplos sectores da sociedade galega, “e iso é o que pon dos nervios ao PP, que sabe que en Galiza só ten un rival: o BNG”, subliñou, deixando claro que a forza nacionalista vai ir a por todas.

Portas abertas á sociedade galega

“Imos a por todas cun BNG que hoxe é unha organización sólida e estábel, coas portas abertas de par en par á sociedade, porque todas as persoas que cren neste País, que traballan e loitan para erguelo, todas, absolutamente todas teñen cabida no BNG”, argumentou, ao tempo que explicaba que “a tarefa prioritaria é seguir dirixíndonos á sociedade coas mans abertas, cun sorriso nos beizos, con propostas claras e sen poñernos límites”.

Pontón concluíu o seu discurso cunha dobre reflexión

En primeiro lugar, cun recoñecemento expreso ao traballo das mulleres do BNG, destacando que o espectacular avance da formación coincide cun momento no que as mulleres “asumimos a parte que nos corresponde nos postos de responsabilidade” e, neste sentido, parabenizou “ás compañeiras que nestes oito anos traballaron tanto e tan ben na dirección do BNG”. Por iso, animou ás militantes a dar un paso adiante e asumir máis responsabilidades políticas dentro da organización.

A segunda reflexión é que o BNG é unha fronte patriótica de afiliación individual, de tal xeito que, sen discutir nin minusvalorar ós colectivos, todas e cada unha das persoas que forman o Bloque están en igualdade de condicións e unha das tarefas prioritarias da organización debe ser incorporar á máxima actividade política a todas as persoas que conforman o Bloque Nacionalista Galego.

Pontón concluíu a súa intervención de apertura  expresando a súa seguridade en que da cita asemblearia sairá unha resposta colectiva “acaída ás tarefas e aos retos que temos por diante, polo ben do BNG e, sobre todo, polo ben da nosa nación”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG