Congreso

BNG exixe manter a gratuidade do cambio de hipoteca

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego demanda prorrogar a vixencia da medida sobre a gratuidade do cambio dunha hipoteca variábel e así como a supresión das comisións por amortización total ou parcial

Urxe máis medidas para protexer a cidadanía ante os abusos bancarios, estabelecer un tope aos xuros nas hipotecas e eliminar as comisións bancarias nas hipotecas

O Bloque Nacionalista Galego demanda ao Goberno reconsiderar a súa decisión e manter a vixencia da gratuidade no cambio de hipoteca así como nas amortizacións. Así mesmo, Néstor Rego urxe a estabelecer un tope aos xuros das hipotecas ou garantir a extinción total da débeda no caso de dación en pagamento entre outras medidas. O deputado do BNG, ademais, reclama ao Goberno medidas efectivas para protexer á cidadanía ante os abusos bancarios.

“Non é suficiente a mera renovación do Código de Boas Prácticas coa banca que non obriga ás entidades e é sistematicamente incumprido. O executivo está a tempo de reconsiderar a súa decisión e manter a vixencia da gratuidade no cambio de hipoteca así como nas amortizacións” defende o deputado do BNG no Congreso. De non rectificar, alerta Rego, o remate da vixencia da medida suporá un sobrecusto para as persoas usuarias de entre 1.000 e 2.500 euros para as persoas hipotecadas. “A gratuidade no cambio dunha hipoteca de tipo variábel a tipo fixo ou mixto débese, así como a non aplicación das comisións por amortización parcial ou total” reivindica.

A medida que agora o Goberno pretende pór fin e non prorrogar, lembra Rego, foi adoptada en novembro de 2022, pactada mesmo entre as entidades bancarias e o Ministerio de Economía. “Tiña por obxectivo aliviar a carga das familias no pagamento das hipotecas a tipo variábel debido á importante suba nos tipos de interese ordenado polo Banco Central Europeo. Permitía protexer ás persoas diante dos fortes incrementos dos tipos de interese que, en só un ano e medio, pasaron de 0% a 4,5%” explica Rego.

Aínda que a situación actual é lixeiramente mellor, xa que o BCE decidiu baixar os tipos de interese, a situación económica para a maior parte dos fogares e persoas “segue sendo difícil, mentres que a banca xa superou os 23 000 millóns de euros de beneficios en 2024”. Un 19,7% de incremento dos beneficios respecto ao mesmo período do ano pasado, incide Rego.

“O Goberno está a tempo de reconsiderar a súa decisión e manter a vixencia da gratuidade no cambio de hipoteca así como nas amortizacións. E debería ir máis alá e estabelecer un tope aos xuros das hipotecas ou garantir a extinción total da débeda no caso de dación en pagamento entre outras medidas. Non é suficiente a renovación do Código de Boas Prácticas coa banca posto que é algo que non ten entidade xurídica e verdadeiramente en nada lles obriga. Unha banca á que houbo que rescatar con millóns de euros de cartos público e que nunca devolveu, mentres aumenta cada ano os seus lucros e que continúa a reverter na cidadanía custos e comisións abusivas mentres reduce e precariza a atención e as condicións laborais das e dos seus traballadores” defende Néstor Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG