A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Montse Prado, acompañada pola veciñanza de Cambados, preguntou esta mañá en sesión plenaria ao conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, ante a falta da comparecencia da conselleira de Sanidade, Política Social e Emprego, que se ausentou para debater sobre a adquisición do Pazo de Montesacro, “O Asilo”, de Cambados para que pase a propiedade pública e siga mantendo a actividade de residencia, “evitando que as persoas que alí viven sexan enviadas a residencias lonxe do seu entorno e dos seus familiares” salientou.
Montse Prado exixiulle ao conselleiro que demostre que a prioridade da Xunta “non é ser comercial das empresas privadas” senón a atención aos maiores e instou a que poña día para reunirse cos representantes “dos mil veciños que lle piden unha reunión”.
Nos orzamentos para 2025, a Xunta destina 160 millóns de euros para pagar prazas privadas, a empresas como DomusVi, “que todas vimos durante a pandemia como tratan aos nosos maiores” sinalou Prado que durante a súa intervención denunciou que a Xunta se nega a destinar 3 millóns de euros para que a veciñanza de Cambados e do Salnés teñan unha residencia pública, “cando non hai nin unha soa en toda a comarca”.
Hai xusto un ano, Montse Prado solicitaba no Parlamento que se mercara o pazo para que pasara a ser de titularidade pública tanto polo seu valor patrimonial como sobre todo, para garantir o mantemento das prazas de residencia, converténdoo en residencia pública. Hai dúas semanas as familias atópanse coa comunicación do peche inminente, e polo tanto de que as 53 persoas que alí viven teñen que buscar outra residencia, ademais dun ERE extintivo para as 29 persoas que teñen alí o seu posto de traballo. “A Xunta non se preocupou nin fixo absolutamente nada” apuntou.
O BNG sempre defendeu que a venda do Pazo de Montesacro é unha oportunidade para que a Administracióno adquira e ao mesmo tempo pase a ser de titularidade pública tanto polo seu valor patrimonial como para seguir prestando atención residencial a maiores. “Por unha vez poñan os intereses dos nosos maiores por enriba de facilitar o negocio ás empresas privadas, actúe e lidere as accións para adquirir o Pazo de Montesacro, para convertelo nunha residencia pública de maiores tan precisa para o Concello de Cambados e a comarca do Salnés” concluíu.