Roubámoslles os versos ás poetas
para espallarmos as súas palabras polos ares
e reivindicar
o amor
-disidencia de corpos e palabras-
para, con el,
este 28 de xuño de 2014
reclamar
desde este exilio que en si cansa
un movemento ao mundo,
en cada verso, en cada xesto,
nun manifesto proclamado día a día.
Porque
nunca vimos tanto silencio belixerante
mordendo a destrución de tantos nomes.
Porque sabemos ben
que non rematou o inverno
que as chuvias seguen marcando o paso dos días.
E agardo,
Agardamos... que a chuvia pare
que pare.
Porque sabede que falamos
coa certeza de termos sido atados de pernas e brazos.
Porque eu mesma sei,
coa poeta,
que, cando deixo de ser flor,
molesto,
e entro na casa soa,
na casa azul sen escaleiras ao ceo,
contra os cristais
estrélanse os paxaros.
Porén, sabemos
que do noso amor á beira
aprenderemos a ir sen medo
polos camiños da lúa
e desta Galiza non ausente
de voces a nos descubriren todas as cores.
Porque
desde aquí na varanda que se asoma
abrigamos a expectativa
e somos xa unha nova estación.
Porque hoxe é
un día de apertas ás árbores e mestizaxe de mans,
e por iso
(estamos) todas nós, envolvéndonos coas teas e o xofre
para este grito conxunto.
Non cabemos na caixa porque somos moitas e diferentes.
Eis a razón para reconstruírmos
con vogais cadenciadas ao ouvido
as metáforas devoradas polo vento.
E sabede, finalmente, que
aquí en Compostela proclamamos que
nalgures andaremos, nalgunha guerra,
pintando arcos de vella na tormenta,
liñas policromadas coma pontes,
cousas de non matar e bolboretas.
Agradecemos que escribisen estes versos a E. Blanco Amor, P. Cabido, Y. Castaño, M. Dacosta, M. Campo, G. Hermo, M. Leobalde, A. Nunes Brions, A. Romaní, F. Salinas e L. Villalta