A parlamentaria afirmou que a Tele galega ofrece unha imaxe de Galiza irreal e manipulada que beneficia ao Partido popular
A través dunha pregunta parlamentaria sobre os criterios para interromper a programación do pasado día 7 de maio e emitir en directo a reunión do Presidente da Xunta co presidente da Sepi e o alcalde de Ferrol, pouco despois de anunciar a construción en Navantia-Ferrol dun buque, a deputada do BNG, Montse Prado considerou que non ten xustificación o corte de emisión agás para beneficiar os intereses do Partido popular.
Noutras ocasións, explicou Prado, non se interrompe a programación para dar conta dos problemas das preferentes, as sancións aos emigrantes retornados ou a petición dunha comisión para investigar o accidente de Angrois no que morreron 80 persoas.
Na súa intervención tamén se referiu ao agravio comparativo con Galiza ante a construción dun gaseiro en Puerto Real mentres en Navantia-Ferrol será construída unha pequena patrulleira e a televisión de Galiza non fixo ningún especial de cantos postos de traballo xera un e outro proxecto, recalcou.
A deputada suxeriu ao director do CRTVG utilizar as roldas de prensa, posteriores á celebración da Consello da Xunta para interpelar ao Presidente sobre as razóns de que Galiza non conte coa construción dun gaseiro ou porque non cortan a emisión para informar das imputacións dos cargos do Partido popular en Santiago de Compostela. Será, preguntou que as imputacións non favorecen ao PP e a propaganda do corte de chama irreal si ?
A parlamentaria cualificou de indecente o uso dos servizos informativos da TVG que comparou co NODO franquista, ao servizo de Feijóo e do Partido popular.
Montse Prado concluíu preguntando polo interese da Televisión galega por emitir a opinión dos sindicatos estatais sobre a construción de buques mentres foron ninguneadas as organizacións sindicais galegas.
Pola súa parte, Sánchez Izquierdo xustificou a interrupción da emisión asegurando que o programa A Revista realiza desconexións de praxe diaria en función da importancia informativa que interpretan os responsábeis dos servizos informativos.