A deputada formulou unha pregunta na Comisión de Sanidade sobre o peche de camas hospitalarias durante o verán que derivou nun bronco debate ao acusar ao Goberno de falsificación e terxiversación de datos para esconder a privatización da Sanidade pública
A través dunha pregunta parlamentaria do BNG sobre o peche de camas hospitalarias durante os meses de verán, a deputada nacionalista, Montse Prado acusou hoxe ao Goberno de falsificar e terxiversar os datos para disfrazar o desmantelamento e privatización da Sanidade pública galega con medidas lesivas.
Na súa intervención, a parlamentaria do BNG asegurou que as persoas inscritas nas listas de espera non o están por capricho e nesa lista hai pacientes con patoloxías graves que precisan de intervencións urxentes pero vostedes, manifestou, deciden paralizar durante catro meses do verán as camas hospitalarias e condenar a moitos profesionais da sanidade ao paro.
Son miles as persoas cualificadas, preparadas e con experiencia que poden facerse cargo do traballo durante o verán e que ademais evitarían sobrecargar de traballo ao persoal da sanidade. A deputada incidiu na necesidade de contratar persoal ao fin de permitir manter operativas as camas hospitalarias durante os catro meses de verán.
Tras a acusación formulada pola nacionalista, a presidenta da Comisión de Sanidade , a popular, Marta Rodríguez pediu a retirada e a palabra falsificación ao que Montse Prado se negou reiterando que o Goberno galego utiliza de maneira torticeira os datos para seguir xustificando a privatización da Sanidade Pública galega.
Pola súa parte, o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Félix Ruibal negou agocharse en datos falsos e asegurou que hai que adaptar os recursos ás necesidades ao que a parlamentaria retrucou afirmando que a Sanidade non se pode defender pechando 1.200 camas hospitalarias durante os meses de verán, incrementando as listas de espera e non contratando a persoal.