Montse Prado acusa ao PP de “mentir” aos comerciantes e veciñ@s de Vilagarcía e do Salnés

A deputada defendeu unha Proposición non de lei contra a instalación dunha grande superficie comercial no concello de Vilagarcía de Arousa e acusou ao alcalde de disfrazar de “mero tramite administrativo ” o que é en realidade o primeiro chanzo da autorización

Montse Prado

A parlamentaria do BNG manifestou que a realidade comercial galega veuse alterada negativamente pola proliferación de grandes superficies comerciais e no caso do consello de Vilagarcía a instalación dun establecemento destas características provocará un negativo impacto ao xa “fráxil comercio” da zona.

Na súa intervención na defensa da Proposición non de lei na que reclamaba non autorizar a instalación dunha grande superficie comercial no concello de Vilagarcía, a deputada recalcou que as vendas do comercio minorista baixaron un 5% no ano 2013 con seis anos de retrocesos na facturación, segundo os propios datos publicados polo INE e non “a propaganda á que nos ten acostumados o conselleiro”, manifestou.

Momentos difíciles para o comercio galego

Por outra parte, salientou a baixada da ocupación laboral, “un punto por riba da media do Estado que coloca a Galiza na cuarta comunidade en diminución de facturación e emprego”.

Neste contexto, no concello de Vilagarcía en en particular na comarca do Salnés, saltaron todas as alarmas ante o anuncio de instalar unha grande superficie comercial nunha comarca onde o sector comercial está a atravesar unha difícil situación que obrigou a moitos comercios a botaren o peche. Aprobar a grande instalación comercial, dixo, suporía “unha estocada de morte” para o tecido comercial de Vilagarcía.

A nacionalista reiterou que o conselleiro de Industria “mentiu” na súa comparecencia cando afirmou que “Galiza ía ben”, cando os datos do INE confirman a destrución do emprego no comercio, “ xa somos a cuarta comunidade co maior número de peche de comercios e a terceira con menos facturación”.

Ademais acusou ao alcalde de Vilagarcía de “mentir” por reducir a “mero trámite administrativo” o que en realidade é “o primeiro chanzo” para instalar unha grande superficie comercial que vai beneficiar só “os negocietes dos amigos do Partido popular” e non aos veciños nin á comarca do Salnés.

A deputada do BNG lamentou o voto desfavorábel do Partido popular á iniciativa nacionalista.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG