A deputada denunciou o cambio na ordenación do pleno para dificultar a presenza das usuari@s e traballador@s do centro no debate da pregunta parlamentaria
Pleno.- A deputada do BNG formulou hoxe unha pregunta parlamentaria á conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato sobre as previsión da Xunta a respecto da situación asistencial e laboral do centro San Francisco de Vigo.
A deputada denunciou ao inicio da súa intervención o cambio, a última hora, da orde do día da sesión plenaria para dificultar a presenza da usuari@s e traballador@s do centro, agardo, dixo, que o Parlamento galego asuma os gastos destas persoas obrigadas a xantar e permanecer máis horas das previstas na tribuna do público por decisión da Presidenta da Mesa, Pilar Rojo.
Xa no debate, Adán reclamou unha rectificación da conselleira sobre a resolución do 7 de novembro que paraliza a suspensión do expediente de contratación ata resolución do recurso, medida que, a xuízo da nacionalista, evidencia unha clara vulneración dos dereitos das persoas con discapacidade psíquica dependentes do centro.
A deputada explicou que a suspensión do expediente supuxo que o centro non reciba ningún ingreso durante estes dous meses polo que reiterou unha rectificación por parte da conselleira e atender as recomendacións do Valedor do pobo que ampara ao centro vigués nas súas demandas.
Vostede, dixo, debe pedir desculpas a todas as persoas que se manifestaron ás portas deste parlamento porque as súas palabras, no pasado pleno, foron impropias dunha persoa coa súa responsabilidade. Agardo hoxe unha corrección firme e que nos diga que vai facer agora, cómo pensa pagar os salarios dos traballadores e traballadoras e como financiará o centro. A solución, apuntou Adán, non é outra máis que as persoas con discapacidade psíquica continúen no centro San Francisco cos traballadores e traballadoras formados e cos que levan tantos anos atendéndoos.
Mato comprometese a unha negociación conveniada co centro
Pola súa parte, a conselleira Beatriz Mato manifestou a súa intención de rectificar a resolución e anunciou iniciar unha negociación conveniada co centro San Francisco.
Tras o anunciou da titular de Benestar, Adán manifestou a súa confianza na resolución do conflito e animou á conselleira a priorizar, en todo momento da súa xestión, os intereses dos discapacitad@s psíquicos
.