Mato admite que Euroconsultores S.L non ten solvencia para acceder a contrato

A parlamentaria, Montse Prado formulou unha pregunta á conselleira de Traballo e Benestar sobre a adxudicación de contratos a empresas con “dubidosa veracidade na documentación presentada”

Montse Prado

A deputada do BNG, Montse Prado formulou unha pregunta á conselleira de Benestar, Beatriz Mato relativa a adxudicación de contratos a empresas con “dubidosa veracidade na documentación presentada” para as adxudicacións.

A deputada, tras saudar as ex-traballadoras da Residencia Valle Inclán presentes no debate na tribuna do público, asegurou que en máis dun ano de conflito, a conselleira nunca accedeu a unha xuntanza coas afectadas, “a pesar de terllo demandado en múltiples ocasións”.

O BNG, dixo, presentou diversas iniciativas sobre esta residencia do concello de Vilanova co fin de que a consellería mediara no conflito laboral que provocou o despido de 57 persoas tras a “irregular” xestión da empresa Viajes Silgar adxudicataria da prestación que posteriormente constituiría outra empresa de servizos baixo o nome de Nurtime.

A nacionalista manifestou que existiu un “uso indebido de fondos e cesión ilegal de traballadores e irregularidades cometidas polos administradores, Francisco Janeiro e Enrique Martinez” e denunciou que a consellería amparou e encubriu á empresa facendo caso omiso das denuncias das traballadoras.

A deputada lembrou que a propia Fiscalía de Pontevedra confirmou o comportamento delictivo de Francisco Janeiro e Enrique Martinez, cabezas visíbeis da empresa, situación agravada ao recibir os fondos públicos da consellería de Benestar outra empresa denominada Euroconsultores Socio Sanitarios S.L.

A situación tornase máis “grave” dixo Prado, ao sacar a consellería un concurso para adxudicar prazas para atención de persoas de terceira idade dependentes e propoñendo a Mesa de contratación a devandita empresa, a pesar de non contar con traballadores nin instalacións para o servizo.

Mato recoñece que a empresa Euroconsultores Socio Sanitarios S.L “non conta con solvencia técnica nin económica” para acceder a concesión

En resposta á pregunta da deputada nacionalista, a conselleira Beatriz Mato recoñeceu a falta de solvencia técnica e económica da empresa e lembrou que Benestar “sempre estivo pendente do servizo e da situación das traballadoras” impoñendo incluso dúas sancións graves a Viajes Xilgar por irregularidades e rescindindo o contrato.

Posteriormente, engadiu, iniciamos un novo proceso aberto de contratación e ata onte mesmo, “ a empresa Euroconsultores non presentou ningunha documentación que acredite a súa solvencia”. A partir de agora, afirmou, será a Mesa de contratación a que tome a decisión.

Na replica, a deputada asegurou que a consellería “non controla ás empresas” co obxecto de beneficiar “aos seus amigos e ao Partido popular” e acusou a Beatriz Mato de non importarlle que 57 persoas despedidas segan na rúa.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG