Francisco Jorquera cualificou de ineficiente que dúas administracións xestionen os fondos nun mesmo territorio porque na práctica, estamos perdendo investimentos
Na pregunta parlamentaria formulada hoxe na Comisión de Economía, sobre a demanda da Xunta ao Goberno Central da xestión directa a cargo do Goberno galego dos fondos europeos que lle corresponden a Galiza, o deputado do BNG afirmou que o Estado perverte a finalidade destes fondos e puxo como exemplo os fondos de cohesión dos que é beneficiario un Estado cunha renda nacional per cápita por debaixo do 90% da media europea coa finalidade de políticas de converxencia para logo destinar unha parte importante destes fondos a comunidades que superan a renda europea como Madrid e Cataluña, ás que lles corresponderon máis fondos por habitante que a Galiza.
Tamén puxo como exemplo do prexuízo para Galiza do actual modelo que o Estado, consigne para Galiza actuacións nos orzamentos xerais do Estado, que en realidade se financian con cargo a Fondos europeos, mentres noutros territorios son financiadas as actuacións directamente polo Estado. Aseverou que isto na práctica, significa que Galiza perde eses fondos europeos.
Por outra parte, lembrou que no mes de marzo deste ano, o director xeral de Fondos comunitarios do Goberno español, José María Piñeiro recoñecía que Galiza atopábase no grupo de comunidades autónomas con menor porcentaxe de execución dos fondos europeos ao situarse por debaixo do 60%.
A maiores, engadiu, que Comisario europeo, Johannes Hann tamén recoñeceu que ata o momento, está executado en Galiza o 63%, unha porcentaxe inferior á media estatal europea.
O parlamentario lamentou que ao ritmo que vamos a cantidade que finalmente quede sen executar en Galiza se aproxime aos 2.000 millóns de euros.