O portavoz parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, avanza mañá venres nas redes o debate sobre o estado da nación nun encontro virtual con todos e todas @s internautas que queiran formular preguntas, propostas ou calquera iniciativa de cara ao debate anual de política xeral que se celebrará no Parlamento galego entre o 7 e o 9 de outubro.
Deste xeito, o Bloque abriu un enderezo, (http://www.reddit.com/r/galizasi/), na canle de reddit co nome de Galiza Si! para que calquera persoa ou colectivo poda enviar as súas preguntas, que Jorquera responderá ao longo de todo este venres 3 de outubro, relacionadas co debate sobre o estado da nación, pero tamén sobre outros temas que podan suscitar o interese dos usuarios da rede.
Na parte que me toca, por suposto vou contestar a todas as preguntas que formulen as persoas que se animen a participar, aínda as que podan parecer máis críticas no fondo ou na forma, porque o obxectivo deste encontro pola rede é precisamente poder escoitar directamente a quen teña algo que dicirnos de cara ao debate do estado da nación ou doutras cuestións que xurdan, avanzou Jorquera.
O portavoz na Cámara galega contestará as preguntas recibidas a partir das 11:00 horas de maña venres desde a propia oficina do Grupo parlamentario, nun encontro aberto tamén aos medios. No enderezo reddit aberto fai menos de 24 horas xa se recibiron media ducias de cuestións nas que se lle pregunta a Jorquera pola utilidade do debate do estado da nación, se lle interpela pola actitude branda do BNG coas declaracións do delegado do Goberno en Galiza, sobre as peaxes ou sobre as escolas infantís.
Calquera persoa pode enviar preguntas ou seguir o debate simplemente subscribíndose no enderezo reddit xa citado.