Entre os asinantes están nomes como Francisco Sampedro, Dionisio Pereira, Francisco Miranda Vigo, Xosé Lois Romero, Marisa Freire Ferrín, Celso X. López Pazos, Manuel Forcadela, Gustavo Luca de Tena, Bráulio Amaro ou Beatriz Gómez Amigo
Un grupo de intelectuais, sindicalistas e traballador@s de distintos ámbitos vén de publicar un MANIFESTO en que piden o voto na coligación OS POBOS DECIDEN, da que na Galiza fai parte o BNG. Trátase dun grupo de persoas vinculadas ao compromiso político en defensa da Galiza, d@s traballador@s e da soberanía desde posicións de esquerda patriótica que, no entanto, proveñen na maior parte de traxectorias políticas diferentes á do BNG.
Os asinates, que se definen como galegos e galegas sen adscrición partidaria, conscientes da importancia desta conxuntura política e da transcendencia do proceso electoral para o Parlamento Europeo sinalan que apesar de que deba entenderse como un apoio puntual e unicamente relativo ao presente proceso electoral, este é o momento de se comprometer outorgando o voto para a candidatura de BNG-EH-BILDU porque, ao noso parecer, é a opción que mellor representa os intereses de Galicia e dos traballadores.
O manifesto destaca que tanto o Estado Español como a Unión Europea teñen secuestrada a soberanía de Galiza, o dereito a decidir como pobo o noso futuro, impoñéndonos o capitalismo máis salvaxe, que está a explotar sen límites ao proletariado galego, empobrecendo os salarios, ameazando a negociación colectiva, alentando a precariedade, o retorno da muller ao traballo doméstico, o desemprego e a liquidación dos principais servizos públicos e a protección social da xente máis necesitada. É por iso que consideran positiva unha coalición de esquerda autoorganizada e rebelde de ambas nacións, asegurando que a esquerda real en Galiza só pode selo se asume a necesidade de construírmos unha República Galega Independente camiño do socialismo.