As deputadas do BNG no Congreso, Rosana Pérez e Olaia Fernández Davila, presentaron unha iniciativa parlamentar na Cámara na que demandan ao Goberno un plan para mellorar o servizo de Correos nas zonas rurais de Galiza.
As parlamentares do BNG denuncian na pregunta parlamentar rexistrada os grandes retrasos na entrega de correo postal no rural galego, que provoca moitas queixas pola nefasta atención do servizo de correos no ámbito rural de Galiza. Poñen de manifesto que as demoras superan ás veces os quince días e afecta de xeito xeralizado a todo o territorio galego, pero é moito máis grave nas áreas metropolitanas das cidades.
Davila e Rosana Pérez sinalan que as razóns destes retrasos hai que situalas nas difíceis condicións nas que desenvolven a súa actividade os traballadores de Correos. Por un lado, mermouse moito as plantillas ao non cubrirse as vacantes por xubilacións, baixas de enfermedade ou outras.
O Goberno incumpre a lei postal
E por outra parte, enfatiza, aplícanse ratios de poboación sen ter en conta a dispersión poboacional do medio rural de Galiza. Por riba, empioraron tanto as condicións laborais dos traballadores que teñen que facer os desprazamentos cos seus vehículos propios e soportando un importante estrés pola acumulación de carga de traballo.
Critican as parlamentares do BNG o desmantelamento do servizo de Correos no medio rural e o seu abandono de forma calculada. O Goberno está provocando un enorme deterioro do servizo postal.
Razón pola que reclaman ao Executivo un Plan para mellorar a situación do servizo de correos no medio rural de Galiza. Piden que se cumpra a lei postal e non se produzan retrasos na entrega de correo, demandan que se cubran as vacantes de traballadores e se reforcen as plantillas para evitar situacións de acumulación de carga de traballo e as conseguintes demoras. Ademáis, piden que se teñan en conta a especificidade de Galiza que ten unha alta dispersión poboacional e se adapten os medios a este feito. Que medidas prevé o Goberno para que se restabeleza o servizo postal coa periodicidade adecuada? Vanse reforzar as plantillas e mellorar as condicións dos traballadores?.